Sábado. 20.04.2024

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, animou hoxe a solicitar as axudas para a adquisición de vivendas en centros históricos, convocadas polo Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) o pasado mes de marzo e que aínda se poden pedir ata o vindeiro 15 de outubro.


 

Durante unha visita polo barrio de San Pedro, en Santiago de Compostela, na que estivo acompañada polo delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, a responsable autonómica salientou a boa acollida que está a ter entre os cidadáns esta última convocatoria, a terceira consecutiva que fai a Xunta e que permite optar a unha axuda de entre 10.800 e 15.000 euros para financiar a adquisición dunha vivenda xa construída (nova, usada ou que necesite rehabilitación) nun dos preto de 50 centros históricos existentes en Galicia.


 

Neste sentido, explicou que ata o momento o número de solicitudes aprobadas ascende xa a un total de 39, unha cifra que, en todo caso, poderá aumentar conforme se vaian tramitando máis expedientes ou se reciban novas peticións.


 

Este balance provisional, segundo explicou, triplica xa os datos cos que se saldaron as dúas convocatorias anteriores, unha evolución que indica que esta liña de apoio aos cidadáns en materia residencial se consolida ano tras ano e esperta cada vez un maior interese entre a poboación galega.


 

A este respecto, Ángeles Vázquez incidiu na importancia destas axudas, coas que a Xunta persegue un dobre obxectivo. Por unha banda, contribuír á dinamización dos cascos históricos das vilas e cidades galegas como lugares atractivos para vivir e por outra, poñer en valor a súa riqueza arquitectónica e patrimonial desde o punto de vista residencial.


 

En canto aos requisitos de acceso, cómpre lembrar que poden solicitar esta subvención todas as persoas que con posterioridade ao 1 de xaneiro deste ano subscribisen un contrato privado ou asinasen escritura pública pola compra dunha vivenda sempre que o prezo non supere o máximo establecido na convocatoria.


 

Os ingresos dos solicitantes non poderán superar 6,5 veces o Iprem (48.877,33 euros), o que na práctica permitiría optar a estas axudas a case o 90% dos fogares galegos.


 

En canto aos importes, a contía máxima á que se pode optar é de 15.000 euros sempre que a vivenda estea localizada dentro dunha área Rexurbe, unha figura que actualmente está declarada nos municipios de Mondoñedo, A Coruña, Ribadavia e Tui. No resto de casos a axuda será de ata 12.800 euros por vivenda se o adquirente é menor de 35 anos e de ata 10.800 euros cando o beneficiario supere esta idade.


 

Neste sentido, a conselleira tamén subliñou o interese que está a suscitar esta última convocatoria entre os mozos galegos, xa que case a metade das subvencións concedidas ata o momento (17) foron solicitadas por persoas de menos de 35 anos.