Mércores. 24.04.2024

O alcalde de Mugardos e concelleiro de Urbanismo e Mobilidade, Juan Domingo de Deus, mantivo unha nova reunión de traballo na Consellería de Infraestructuras e Mobilidade coa súa titular, Ethel Vázquez. Neste encontro tratouse o tema do transporte metropolitano (unido ao reforzo de marquesiñas e paradas de bus) e as actuacións máis demandadas nestes momentos como o paso de peóns en Picado e o pintado da parada do bus fonte ao bar Triskel, unha nova travesía na Pedreira como acceso no remate da vía rápida, e a mellora na sinalización nas contornas dos centros de ensino, entre outras.

Logo de actualizar a situación dos proxectos en marcha máis relevantes da Consellería na vila, como son a obra da senda Rilo – Franza e a aprobación do proxecto da senda Peteiro – O Baño, Ethel Vázquez confirmou que ambas actuacións avanzan ao ritmo previsto e que unha vez aprobado o proxecto Peteiro-O Baño, presentarase no Concello para o coñecemento da veciñanza. 

A situación do transporte metropolitano foi o tema central do encontro, logo de que o alcalde trasladase a necesidade de adaptar de novo os horarios dos buses, en consonancia coas solicitudes trasladadas pola veciñanza nestas últimas semanas. “Non só trasladamos as demandas da veciñanza á Conselleira, tamén seguimos en contacto semanal coa Dirección Xeral de Mobilidade, á que na última comunicación trasladamos novamente a necesidade de reforzar o servizo de transporte nocturno, a ser posible ata as 23.00 horas. O transporte metropolitano non é competencia municipal pero “consideramos que o goberno está a facer un traballo de canalización da información entre a Xunta de Galicia e os usuarios que, aínda que de xeito lento, está a dar os seus froitos” sinalou De Deus.

En canto ás actuacións que o goberno municipal valora como máis necesarias e urxentes, todas elas xiran en torno á seguridade viaria, como a mellora na sinalización (especialmente nas contornas nos centros de ensino), a instalación dun paso de peóns na zona de Picado, e un novo acceso no final da vía rápida na Pedreira.

Ao respecto destas actuacións, a Conselleira comprometeuse a solicitar os informes oportunos aos técnicos do seu departamento para analizar a súa viabilidade.

Para rematar, Juan Domingo de Deus quixo agradecer a Ethel Vázquez o seu traballo e compromiso con Mugardos. “O investimento e esforzo que está a facer a Consellería de Infraestructuras e Mobilidade en Mugardos é moi importante e, personalmente, agradezco á Conselleira a súa predisposición ao diálogo e o compromiso con Mugardos”.