Venres. 19.04.2024

O alcalde de Ames, Blas García, e o rexedor de Brión, Pablo Lago, mantiveron unha xuntanza de traballo na que abordaron diferentes asuntos de interese para os veciños e veciñas de ambos municipios. Entre os proxectos debatidos inclúese a creación dun punto limpo conxunto, a posta en marcha de proxectos turísticos vinculados ao río Tambre, buscar unha solución ao parque comarcal de bombeiros e continuar colaborando nos obradoiros de emprego e na xestión do abastecemento de augas.

Blas García fixo unha valoración moi positiva deste encontro xa que “Brión e Ames somos dous concellos que temos unha mobilidade entre nós moi importante, ademais coincidimos en que tanto Pablo coma eu somos alcaldes novatos”. Unha boa sintonía que confirmou o alcalde brionés, quen lembrou que “Brión e Ames son dous municipios que levamos moitos anos colaborando e a nosa máxima é seguir facéndoo para poder darlles máis e mellores servizos aos nosos veciños e veciñas, que é para o que estamos aquí”.

Así, o alcalde de Brión trasladoulle ao seu homólogo de Ames a posibilidade de crear un punto limpo compartido entre ambos municipios. “A nós parécenos moi interesante. Sería unha instalación que daría servizo tanto ao Concello de Brión como á nosa parte de Bertamiráns e das zonas máis próximas a Tapia”, explicou Blas García, quen ademais adiantou que “como estamos estes días co tema da limpeza viaria e o punto limpo, unha vez que estea adxudicado o servizo veremos a posibilidade de facer un convenio para que os veciños e veciñas de Brión que o necesiten poidan utilizar o punto limpo do Milladoiro mentres non exista este punto limpo no que imos traballar agora”.

Pablo Lago agradeceu a disposición do alcalde de Ames xa que “aínda que temos gran parte das necesidades cubertas co servizo da Mancomunidade do Barbanza, sabemos que hai moitos veciños e veciñas que demandan a existencia deste servizo”.