Falou da creación dun Centro Integrado de FP no eido sanitario

Alfonso Rueda aposta polo avance de Santiago con investimento de máis de 70 millóns de euros no CHUS

Almorzo informativo de Rueda en Santiago

O presidente e candidato do PPdeG, Alfonso Rueda, manifestou o seu compromiso co avance e o progreso de Santiago de Compostela no eido socio-sanitario destacando un investimento de máis de 70 millóns de euros no CHUS e a súa proposta de poñer en marcha un Centro Integrado de FP de ciencias da saúde en Conxo.

O líder dos populares galegos explicou nun almorzo informativo coa sociedade compostelá a súa intención de crear un “polo de ciencias da saúde” na USC para integrar as ensinanzas de Medicina, Farmacia e Enfermería.

Do mesmo xeito, e dentro da súa aposta por seguir potenciando a Formación Profesional, anunciou a creación dun Centro Integrado de FP en Conxo con 2.000 prazas para mellorar a oferta educativa vinculada ao campo sanitario e ás necesidades profesionais neste ámbito.

Rueda remarcou o seu compromiso por seguir mellorando as infraestruturas e os equipamentos da cidade e, nesa liña, ofrece a súa colaboración para a posta en marcha dunha piscina olímpica en Santa Marta e a reforma integral do Salón Teatro. Na mesma liña que outros proxectos que xa son unha realidade como o Centro de servizos innovadores para empresas biotecnolóxicas no parque empresarial da Sionlla ou o Centro de Supercomputación de Galicia.

No eido das infraestruturas, o líder dos populares galegas incidiu na importancia de garantir a conectividade de Santiago e lamentou a falta de compromiso do Goberno central en dúas cuestións que considera fundamentais para avanzar neste eido: a chegada da Alta Velocidade á capital galega, a mellora dos servizos ferroviarios e a conxelación das peaxes da AP-9 e da autoestrada a Ourense “como xa fai o Goberno galego nos tramos e vías que son da súa competencia”.

Puxo en valor, en cambio, a nova senda peonil e ciclista que se porá en marcha entre O Milladoiro e a nova estación intermodal, que se completará ademais cunha conexión ao CHUS e ao novo complexo administrativo de San Caetano. “Trece quilómetros que suporán un investimento de 12 millóns de euros pero que valen a pena”, sinalou.

Recordou así mesmo o recente inicio das obras do centro de protonterapia en Compostela, o primeiro de España, que contribúe a consolidar a cidade como “capital sanitaria” e volveu insistir no seu compromiso de poñer en marcha o aparcamento do CHUS.