Martes. 29.11.2022

A Xunta de Goberno Local aprobou a adxudicación das obras de asfaltado dos interiores do núcleo do Instrumento, situado entre as parroquias de Ortoño e Bugallido, así como da parte norte de Lapido. O proxecto, incluído no Plan Ames Progresa 2021-2023, foi adxudicado á empresa Excavaciones Pose SL por 192.995 euros, e inclúe tamén a reforma da vía de acceso ao Instrumento dende Lapido.

O Concello de Ames avanza coas melloras nas infraestruturas do rural do Plan Ames Progresa 2021-2023, desta volta cun proxecto nos núcleos do Instrumento, situado entre as parroquias de Ortoño e de Bugallido, e de Lapido, tamén en Ortoño. A Xunta de Goberno Local do pasado 22 de setembro aprobou a adxudicación destas melloras á empresa Excavaciones Pose SL, por un importe de 192.995 euros.

Deste xeito, actuarase de dous xeitos dependendo do treito. No caso dos interiores do Instrumento e da parte norte de Lapido, dous tramos de 320 metros e 190 metros, respectivamente, demolerase o firme actual e proxectarase un novo pavimento de formigón, con franxas lonxitudinais nas marxes e cortes transversais en lastra de pedra de granito. Baixo o pavimento disporase canalización de PVC con sumidoiros para a correcta drenaxe da nova plataforma.

Para o resto da vía, uns 680 metros que inclúen o espazo entre ambos núcleos e a entrada dende a estrada de Lapido, incrementarase cada marxe lateral en 50 centímetros, repararanse as fochancas e disporase a mesma capa de rodaxe. Ademais, no treito intermedio entre Lapido e O Instrumento executaranse 3 treitos con cunetas de seguridade, de 60 metros de lonxitude nas zonas interiores das curvas. As actuacións completaranse coa correspondente sinalización e cun novo sinal de stop.

A adxudicación desta obra súmase a outros proxectos nas parroquias de Ortoño e Bugallido do Plan Ames Progresa 2021-2023, como a licitación das melloras en Tarrío, por 64.767,83 euros, ou a construción da senda peonil entre Lapido e Maguxe, en execución cun orzamento de 201.060 euros. "Seguimos avanzando co Plan Ames Progresa, desta vez actuando nos núcleos do Instrumento e Lapido, nos que continuamos mellorando as vías e as infraestruturas do rural, aumentando a súa vez a seguridade viaria”, sinalou o alcalde de Ames e concelleiro de Obras, Blas García.


 

comentarios
Entrando na páxina solicitada Saltar publicidade