Xoves. 25.04.2024

A Concellaría de Mobilidade de Ares activou, unha recollida de sinaturas aberta a toda a veciñanza, que tamén inclúe as solicitudes e medidas pendentes de executar para adaptarse de maneira real á demanda da contorna. O documento para asinar está dispoñible na casa consistorial de Ares, na área de Chanteiro e na de Cervás, e remitirase tanto á Consellería de Mobilidade como a UTE Hércules Norte, facendo constancia das necesidades existentes no municipio.

Así, o Concello solicita, acompañando ás sinaturas, o restablecemento das liñas e frecuencias do servizo de transporte que afectan a Ares e que, ou ben foron eliminadas, ou ben, estando incluídas na oferta actual, non se están a respectar. O goberno local considera que existen 8 accións prioritarias pendentes de acometer na contorna de Ares, as súas parroquias e as conexións con Ferrol. 

Entre elas, destacan algunhas demandas como a recuperación de frecuencias con saída de Ferrol destino Ares ás 14.00 e 14.30 horas, pois a súa a inexistencia afecta notablemente á volta do estudantado que acode a centros ferroláns ou feneses; que haxa liñas entre ás 8:00 h e 9:00 h dende Ares a Ferrol, horarios de alta demanda por parte da veciñanza da vila; a posta en marca dunha frecuencia igual ou posterior ás 22.00 horas nas fins de semana, ao contar actualmente cun servizo que finaliza as 20.30 horas ou que se produza unha mellora das conexións regulares con Mugardos –constátase que hai tres horas, de 7:45 a 10:45 h, sen ningunha liña entre ambas localidades–.

REUNIÓN COA ASOCIACIÓN DE VECIÑOS DE CHANTEIRO

A concelleira de Mobilidade, Lucía Blanco, reuniuse coa Asociación de Veciños de Chanteiro para revisar os horarios do transporte metropolitano, o seu cumprimento e as necesidades actuais, de cara a buscar máis puntos de mellora e optimización do servizo.

A situación de Chanteiro é tamén unha das máis urxentes e preocupantes para o Concello, pois vulnera directamente o acceso da veciñanza ó núcleo urbano de Ares, erosionando os seus dereitos básicos. Dende a Concellaría de Mobilidade detéctase un incumprimento constante do servizo de transporte, especificamente no caso da ruta L8 de Chanteiro, que non recolle ós pasaxeiros ás 08:05 horas como está estipulado no propio horario de UTE Hércules Norte. Estanse realizando partes de incidencia diarios que exemplifican esta problemática e que son comunicados á Xunta de Galicia e á empresa adxudicataria.

 O Concello e a Asociación de Veciños de Chanteiro tamén consensuaron na reunión que é fundamental recuperar unha das frecuencias máis empregadas pola veciñanza do rural: a liña con saída de Chanteiro ás 10.00 horas destino a Pontedeume que incluía paradas en Cervás, Ares e Redes. A súa volta, ás 12.00 horas dende Pontedeume, permitía unha conexión de calidade e un acceso razonable a servizos básicos como asistencia médica, compra ou xestións bancarias.