Sábado. 20.04.2024

A Concellaría de Urbanismo do concello de Ares informou do remate dos traballos de renovación de luminarias nos núcleos urbanos de Redes e Ares. Esta mesma semana deuse por concluída a intervención, executada ao longo do último mes, e que se traduce nunha mellora integral da iluminación e visibilidade do espazo público, promovendo tamén un aumento da seguridade nas rúas.

A actuación permitiu deixar atrás as luces de vapor de sodio, substituíndoas por novas luminarias de tipoloxía LED, e realizar arranxos nos cadros e cableados máis deteriorados. Ademais, os brazos en mal estado cambiáronse por uns novos que inclúen o escudo de Ares se se atopan no casco antigo da vila. No relativo a Redes, as obras renovaron o alumeado do aparcamento, do propio núcleo urbano e os seus accesos, aplicando un sistema de retrofit.

Estes traballos non só teñen efectos en materia de iluminación, senón que tamén redundan “nunha mellora integral da eficiencia enerxética e un aforro no consumo. Son os piares do traballo que estamos a realizar dende o goberno local, mirando cara a sostibilidade medioambiental das nosas infraestruturas”, segundo describe a concelleira de Urbanismo, Olimpia Marcos.

 Cun investimento total de 320.128 euros, repartido entre o Instituto para a Diversificación e Aforro de Enerxía (IDAE) e as arcas do Concello, a actuación sobre as luminarias inscríbese dentro dos proxectos enerxéticos comprometidos entre o Concello e o Goberno de España. A maiores da renovación da iluminación, Ares percibiu melloras no eido ecolóxico a través da posta en marcha de paneis fotovoltaicos en espazos de titularidade municipal.

Os proxectos cofinanciados polo Ministerio de Transición Ecolóxica a través do IDAE supoñen un investimento de gran volume económico para o municipio, próximo aos 760.000 euros entre todos os traballos que compoñen as dúas fases de actuación, e que reforzan o compromiso do Concello coa mellora da eficiencia enerxética, o aforro no consumo e a renovación medioambiental.