Xoves. 25.04.2024

Comezaron as obras de humanización nas rúas Camposanto e Casavella no casco urbano de Ordes. Ademais da execución de novas beirarrúas, o proxecto tamén inclúe a adecuación dos servizos de abastecemento, pluviais, saneamento e alumeado.

En conxunto construiranse 978 m² de novas beirarrúas con baldosa de formigón e bordo biselado de granito. Tamén se procederá co afirmado do tramo con aglomerado quente en toda a rúa ao longo de 3.070 m². Previamente repararanse as fochancas existentes con grava e rego semiprofundo.

No relativo á rede de pluviais instalaranse 640 metros de tubaxe cos seus correspondentes pozos de rexistro e sumidoiros. Tamén se deixarán listas as conexións das baixantes dos inmobles lindeiros. Os mesmos metros de tubaxe instalaranse para os sistemas de saneamento e abastecemento, así como a colocación de válvulas e arquetas para o seu correcto funcionamento. Neste caso tamén se contempla a reposición das acometidas existentes.

De cara á mellora na eficiencia do sistema de iluminación pública vanse retirar e recolocar os puntos de luz existentes para a correcta execución das obras, así como se contempla no proxecto a instalación de nova canalización e cabreado naquelas zonas onde se reconstrúan as beirarrúas.

A obra rematará co pintado e a instalación de toda a sinalización horizontal e vertical necesaria.