Xoves. 28.03.2024

A contorna do Campo de Feira de Arzúa está sendo estes días obxecto dunha actuación de mellora coa finalidade de reparar o estado actual dos pavimentos e dar unha solución á zona arborada.

Nesta zona convive unha parte asfaltada e outra de arborado, con carballos, resultando a totalidade da explanada unha zona de aparcadoiro e ao mesmo tempo é o lugar onde se celebran as feiras os días 8 e 22 de cada mes, ademais das festas que ao longo do ano se organizan na vila.

Os traballos, que estes días está realizando a empresa Espiño, tratarán de dar solución á zona arborada, que está resolta a base de zahorra con zonas de alcorques ao mesmo nivel, presentando numerosas deficiencias ao contar cun uso de aparcadoiro igual ao resto da explanada. Son numerosas as pozas e fochancas que en moitas ocasións fan pouco transitable este espazo, non respectando os alcorques existentes e mesmo, nalgúns casos, danando as árbores a causa dos golpes de vehículos.

A actuación, na que se investirán un total de 32.000 euros, permitirá ademais acondicionar a zona asfaltada dado o estado de deterioro desta explanada.

As obras que se están realizando pretenden, polo tanto, darlle unha solución eficaz que resolva este espazo para poder ser empregado de maneira conxunta e que, ante todo, respete as árbores. Así estase procedendo ao acondicionamento da zona central arborada efectuando un subsolado mecánico do lugar, retirada do material sobrante e en mal estado con apertura de caixa para un novo aporte de solo-cemento compactado. Procederase, así mesmo, ao novo acondicionamento de zonas de alcorques dotándoos dunha nova capa de biomasa triturada coa reparación e mellora das llantas que conforman os alcorques co fin de mellorar a protección das árbores e evitar o golpeo cos vehículos.

Estase actuando, tamén, sobre a zona asfaltada efectuando os cortes necesarios para intervir sobre as partes en mal estado, procederase ao fresado das mesmas e a incorporación dunha nova capa de aglomerado de 6 cm. O proxecto inclué, ademais, traballos de conservación e mellora da madeira da marquesiña existente no lugar mediante limpeza, lixado e tratamento da estrutura e do seu entaboado.