Xoves. 25.04.2024

Os alcaldes de Ames, Blas García, e de Brión, Pablo Lago, asinaron o convenio para a constitución da Comisión de Estudo que redactará os Estatutos da Mancomunidade dos Concellos de Ames e Brión, cuxa finalidade é a xestión en común do servizo que presta a ETAP Ames-Brión. A creación desta Mancomunidade foi aprobada previamente polos Plenos de ambos Concellos.

A Comisión está integrada polos alcaldes de Ames e Brión, designados polos seus Plenos respectivos. O presidente da Comisión é o alcalde do Concello de Ames, Blas García, e o vicepresidente é o alcalde de Brión, Pablo Lago. Actúa como secretaria da Comisión a secretaria do Concello de Ames. Esta Comisión será encargada de redactar o proxecto de Estatutos da Mancomunidade.

O alcalde de Ames, Blas García, explica que “a constitución da Comisión de Estudo é o paso previo á creación da Mancomunidade dos Concellos de Ames e Brión, que terá a finalidade de xestionar de xeito común o servizo da ETAP Ames-Brión. Dita Comisión de Estudo terá que elaborar os Estatutos da Mancomunidade”.

Por outra banda, o alcalde de Brión, Pablo Lago, indica que ”a xestión conxunta da ETAP Ames-Brión é un paso máis na boa colaboración que vimos mantendo ambos concellos a todos os niveis pero sempre cun mesmo obxectivo: darlles máis e mellores servizos aos nosos veciños e veciñas”.

Cómpre lembrar que a participación de cada un dos dous Concellos nas devanditas instalacións é dun 67% para Ames, e o 33% restante corresponde ao Concello de Brión. Ata o momento, e en relación coa xestión da potabilizadora, os concellos de Ames e Brión subscribiron o 27 de decembro de 2018 un convenio de colaboración co obxecto de regular a porcentaxe de participación de cada Concello nos custos da xestión da devandita ETAP Ames-Brión. O devandito convenio ten un prazo de catro anos dende a súa sinatura, podendo prorrogarse por 4 anos máis de forma expresa.

A constitución de dita Mancomunidade está motivada por un escrito remitido por Augas de Galicia o 22 de decembro de 2020 no que, entre outras cuestións, se informa de que a competencia do subministro de auga potable a domicilio é unha competencia municipal e que os Concellos de Ames e Brión non conta con concesión para a captación das augas públicas do río Tambre.

Tamén se indica que a solicitude debe ser formulada pola unha Mancomunidade, Consorcio ou entidade semellante, e dado que corresponde aos Concellos de Ames e Brión a xestión da ETAP Ames-Brión, vaise proceder á creación dunha Mancomunidade co Concello de Brión para a xestión das instalacións, así como para tramitar xa ao nome desta Mancomunidade a oportuna concesión da captación de augas no río Tambre para o funcionamento da ETAP. Para iso creouse unha Comisión de Estudo que se encargue de elaborar o anteproxecto de estatutos e de tramitar o procedemento ata a constitución dos órganos de goberno da Mancomunidade.