Mércores. 29.05.2024

A Asociación Española Contra o Cancro presentou o seu Club de Saúde en colaboración co Concello de Melide, un espazo semanal de encontro e apoio dirixido a pacientes con cancro, superviventes e os seus familiares. O acto tivo lugar na Sala de Conferencias do Edificio Multiusos de Melide e contou coa presencia de Javier Álvarez Barbeito, representante do Consello Provincial da Asociación Española Contra o Cancro; José Manuel Pérez Penas, alcalde de Melide; e Teresa Ferreiro, xefa de Servizo do Centro de Saúde de Melide.

Os Clubes de Saude da Asociación, que contan co apoio da Consellería de Sanidade, están deseñados para mellorar a saúde física, emocional e social, das persoas nas contornas rurais, proporcionando ferramentas para fomentar un maior benestar.

O Club de Saúde de Melide é un proxecto pioneiro que busca facilitar o acceso a recursos de saúde integral, especialmente en áreas onde estes servizos poden ser menos accesibles, fomentando o concepto de equidade que a Asociación defende. Entre as actividades, que se levarán a cabo por un equipo de profesionais especializados e voluntarios da Asociación, inclúense talleres sobre nutrición, exercicio físico adaptado, promoción de hábitos saudables, desenvolvemento de habilidades no manexo de emocións e actividades que promoven a inclusión social e o benestar comunitario. O proxecto piloto terá lugar en Melide, Cedeira e Vimianzo, con ánimo de crecer nun futuro en máis puntos do territorio da provincia coruñesa.

O Club de Saúde de Melide terá lugar no Centro de Saúde, de 17.00 a 18.30 horas dende o mércores 12 de xuño ata o 4 de decembro. A participación é gratuíta, requirindo unicamente dunha derivación por parte do médico de cabeceira ou a través dos voluntarios da Asociación Española Contra o Cancro en Melide.

O alcalde, José Manuel Pérez, manifestou que “un recurso coma este tan cerca das casas dos pacientes oncolóxicos de Melide e das súas familias é moi importante para facilitar a estas persoas unha atención adecuada que non poña máis trabas e dificultades no seu camiño”.