Mércores. 24.04.2024

Os últimos informes emitidos por Augas de Galicia apuntan a un “derrame accidental” de cloro procedente da piscina municipal de Oroso, como posible causa da morte de arredor dunhas 370 troitas nun tramo do río Carboeiro o pasado 12 de agosto.

Segundo explica o informe emitido pola técnica de Augas de Galicia, desprazada ao lugar o 13 de agosto, “as augas residuais e fecais e as resultantes da limpeza e/ou mantemento dos filtros das piscinas atópanse conexionadas á rede de sumidoiros municipal”, e precisa ademais que “a antiga condución (anulada) que vertía ao cauce o baleiro das piscinas segue anulada”. Asemade, o informe técnico indica tamén a existencia dunha arqueta que conduce directamente á marxe esquerda do río Carboeiro e na que “de maneira accidental, ao efectuar labores de manipulado e recheo, aconteceu o derrame de cloro” que chegou ao cauce fluvial.

Tras a primeira inspección de Augas de Galicia, o Concello de Oroso procedeu ao selado da saída directa da arqueta do foso ao río por onde se produciu a vertedura. “Non existe polo tanto a posibilidade que se poida producir o derrame a través dese punto, xa que ao selar esa saída, de existir augas no foso quedarían retidas no mesmo”, sinala un segundo informe de Augas de Galicia no que consideran “suficientes e axeitadas” as medidas tomadas polo Concello e confirma “a existencia de vida piscícola” no tramo do río que se viu afectado.

Pola súa banda, a empresa responsable da xestión da piscina, Viraxes SL, apunta no seu informe a unha “avaría” tras atopar unha vertedura de cloro no chan da sala de máquinas da piscina, o pasado sábado 13 de agosto ao descubrir “medio seccionada” a conexión do critalino coa bomba dosificadora de cloro.

O alcalde de Oroso, Luis Rey, anunciou o compromiso do Concello para acometer unha acción “complementaria” coa que se executará un pozo con bomba de achique no foso e con conexión posterior á rede de saneamento para que as augas matéñanse no propio foso. Ademais, Luis Rey destacou que o Concello púxose a disposición de Augas de Galicia e do Seprona para esclarecer o acontecido e adoptou “as medidas oportunas e de forma inmediata para solucionar o derrame de cloro, en canto se tivo constancia da posible orixe da vertedura”. Tamén, o rexedor trasladoulle a Augas de Galicia a súa intención de presentar a solicitude para proceder á limpeza do río Carboeiro. Por último, dixo tras recibir os informes de Augas de Galicia e da empresa xestora da piscina, “compartimos publicamente a información porque aquí o Goberno non ten intención de ocultar nada, máis consideramos axeitado ser cautos e rigorosos para falar de certezas e evitar entrar no terreo das especulacións”, sentenciou.