Mércores. 17.04.2024

O Concello de Ames está inmerso no desenvolvemento do Plan Impulsa Ames, que se enmarca dentro da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integrado (EDUSI). Un dos proxectos que se está executando é o acondicionamento do novo parque verde central do Milladoiro. Este proxecto foi adxudicado á empresa CYS HISPANIA SL por un importe de 130.706 euros.

O alcalde e concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Blas García, e maila concelleira de Deportes, Susana Señorís, visitaron dito parque, acompañados do director da obra e da arquitecta municipal. Debido ao recente cambio de alcalde, este proxecto pasou a depender da unidade de execución da EDUSI Impulsa Ames que depende da concelleira Susana Señorís. Anteriormente dependía da unidade de execución de Blas García, pero o alcalde non pode coordinar ningunha unidade de execución xa que é unidade de xestión da EDUSI Impulsa Ames.

O alcalde e concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Blas García, explica que “as obras avanzan a bo ritmo e está previsto para final deste mes de maio. Está previsto que o parque á veciñanza se abra coincidindo coa apertura das piscinas descubertas do Milladoiro, prevista para o 15 de xuño”. Ademais, destaca que a través desta actuación acondicionaranse máis de 10.000 metros cadrados de zonas verdes no Milladoiro. O novo parque verde central do Milladoiro vai a dar continuidade a zona onde xa está instalada a zona deportiva e educativa do Milladoiro”.