Xoves. 25.04.2024

O pico da Santa Mariña, o cumio de maior altura do Concello da Baña, conta cun bambán e un banco desde os que admirar as espectaculares vistas. Pódese chegar a eles nus vinte minutos de camiñada grazas a unha nova ruta de sendeirismo de apenas 1.200 metros, que conta con sinais de madeira desde a estrada que une O Barro con Cabanas. A iniciativa, bautizada como “Desde A Baña á terra-Desde A Baña ao aire”, responde ao desexo da Concellaría de Promoción de Vida Activa e Deportiva de ampliar para a veciñanza as propostas saudables de lecer e tempo libre ao mesmo tempo que se promociona o municipio como destino turístico.

O premio da camiñada é unha panorámica de 360 grados sobre lugares tan emblemáticos como o Pico Sacro ou os montes Iroite e Pindo. O novo bambán e o banco comparten agora espazo no cumio bañense cun vértice xeodésico construído no ano 1981 xunto aos restos da antiga ermida de Santa Mariña, levantada posiblemente en época medieval e derrubada a finais do século XVIII. A tradición di que o propio monte tiña un carácter sagrado e orientaba ventos e choivas.

Entre os itinerarios alternativos que permiten acceder ao Pico de Santa Mariña atópase a Ruta do Progreso, un percorrido circular de preto de once quilómetros creado polo alumnado do colexio de San Vicente da Baña e que parte do núcleo urbán de San Vicenzo para pasar, entre outros lugares, pola antiga fábrica de luz e o pazo de Leis.

O Concello da Baña xeolocalizou a nova atracción do municipio en Facebook e Instagram coa dobre finalidade de facilitar o acceso e convidar a veciñanza e visitantes a etiquetar a ubicación das fotos que fagan. Un bo lugar para deixar o coche é a aldea do Barro. Pero, no caso de non poder ou non querer camiñar, o certo é que os automóbiles chegan ata o cumio. O desvío é o mesmo da ruta sendeirista.