Xoves. 28.03.2024

O portavoz Municipal do BNG en Arzúa, Xoán Xesús Carril, lamentou que Arzúa non vaia verse beneficiada polo acordo para ampliar a cobertura móbil no rural anunciado pola Xunta de Galicia.

“Arzúa non vai poder beneficiarse destas melloras pola desidia do alcalde e do seu goberno municipal, porque non subscribiron o convenio entre a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galiza (AMTEGA) para a posta en marcha destas accións encamiñadas a mellorar a cobertura de comunicacións móbiles no rural de Galiza” explicou Carril.

O portavoz nacionalista sinalou que “en Arzúa temos lugares nos que a ausencia de cobertura móbil dificulta a vida normal da nosa veciñanza, as parroquias de Oíns, Dodro e San Martiño teñen denunciado en moitas ocasións esta situación, e subscribir ese convenio era unha axuda para comezar a subsanar estas deficiencias”.

“Desde a Xunta anuncian que van comezar os traballos para mellorar a cobertura en 250 núcleos galegos, e Arzúa queda fóra deste reparto unicamente pola desidia e deixadez do goberno municipal de José Luís García” concluíu o portavoz nacionalista.