Mércores. 24.04.2024

 O BNG de Narón iniciou unha campaña de recuperación e posta en valor de barrios e parroquias. No caso de Xuvia considera o bloque que “é preciso un plan director para recuperar zonas en claro deterioro e que a solución non sexa ir tirando edificios ou tapiando casas cando non queda outra” .

A súa primeira proposta diríxese ao congreso para que solucionen a entrada da estación de tren “O Concello de Narón respondeu cun ano de retraso que non era a súa competencia reparar o firme e acceso á estación pero eles deberían reclamárllelo ao Ministerio. Ante a desidia facémolo nós no congreso dos deputados” indica Olaia Ledo, portavoz municipal do BNG de Narón.

Insisten no BNG que “o deterioro dun servizo público e esencial queda unha vez máis en evidencia ante o desleixo non só de estado se non da administración municipal. En Xuvia, xa non hai nin que estar a esperar no andén para ver o problema do servizo ferroviario se non que na mesma entrada a accesibilidade universal é nula e mesmo houbo algún pinchazo de rodas polo estado do firme da calzada. Todo nun barrio histórico que precisa de investimentos para que a solución non sexa ir pechando e derrubando cousas, se non que se creen dinámicas que lle dean a Xuvia o futuro que se merece” remata Ledo.