Venres. 29.03.2024

A Deputación da Coruña e o Concello de Boimorto destinan 89.998 euros para acondicionar o parque público da Gándara. As tarefas permitirán instalar novos xogos infantís e renovar pavimentos e servizos.

O ente provincial financia o 80% do custo total da actuación, cunha achega de 71.998 euros. Así o ratificaron, o presidente da Deputación, Valentín González Formoso, e a alcaldesa de Boimorto, María Jesús Novo, na sinatura do convenio entre ambas institucións. Desde o Concello, sinalan a intervención como esencial ao tratarse dunha zona de esparexemento e lecer única no municipio, polo que é vital mantela nun correcto estado de seguridade e salubridade, adaptando o lugar ás necesidades e demandas da veciñanza.

Así pois, as medidas permitirán, por unha banda, instalar novos xogos infantís. Entre eles atópase unha tirolina para nenos e nenas de máis de catro anos, unha randeeira con asento-cesta de 2,6 metros de altura total para rapazada de 2 a 8 anos de idade e un xogo de resorte con forma de vaca con dúas prazas para usuarios e usuarias de 2 a 8 anos. Tamén se instalará un equipo combinado para rapaces e rapazas maiores de 3 anos que estará conformado por unha torre con tellado, un muro de escalada, rede vertical de cordas e tobogán. Á súa vez, proxéctase unha randeeira mixta de dúas prazas, con asento de seguridade tipo cadeira e un asento pino. As obras tamén permitirán colocar un xogo de casiña para nenos e nenas con diversidade funcional, dirixido á xuventude de máis dun ano.

Por outra banda, a estes traballos súmanse os de substitución do pavimento de caucho existente por un novo ao longo de 325 metros cadrados, para mellorar a seguridade e protexer fronte a caídas. O proxecto facilitará tamén a circulación de peóns e peoas no espazo coa construción dunha beirarrúa con baldosa de formigón. Instalarase tamén un valado de madeira de pino roxo do norte e substituirase a malla existente no peche da cancha deportiva anexa ao parque.

OUTRAS MELLORAS

A Deputación sinala que se mellorará así mesmo o sistema de recollida de pluviais coa execución dunha canalización de tubaxe para desaugue da fonte existente e unha canle de formigón con reixa para a recollida de augas. Tamén se incrementará e renovará a iluminación no parque e se disporá un panel informativo para a xente que o utilice.