Xoves. 25.04.2024

Borja Verea, candidato á alcaldía do Partido Popular no Concello de Santiago, mantivo unha xuntanza coa veciñanza do barrio santiagués de Galeras, onde se comprometeu a liderar a solución ao proxecto do hospital vello tan pronto chegue a Raxoi e sacalo desa situación de colapso que leva anos enquistada. Para o Popular, “este solar sería a ubicación ideal para a instalación dun supermercado que lle dea servizo a toda a zona, que nos últimos anos medrou de forma notable”.

Verea lamentou ademais “a falta de liderado do goberno socialista nun asunto clave para este barrio e dun edificio tan emblemático para a cidade”, e salientou que “o que vai conseguir o concello se continúa poñéndose de costas a este proxecto é que a construción se veña abaixo e despois xa non haberá nada que protexer”. Esta reunión inclúese dentro das distintas conversas con entidades veciñais, sociais, culturais e deportivas que leva mantendo o candidato do Partido Popular desde hai máis de dous anos.