Martes. 16.04.2024

O Concello de Brión presentoulle ao IDAE (Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía) o proxecto técnico “Renovación das instalacións de alumeado público do Concello de Brión”. Trátase dun proxecto orzamentado en 2.067.133,00 euros que permitirá renovar o 90% de todo o alumeado público do municipio, é dicir, 3.145 lámpadas distribuídas en 118 cadros eléctricos cunha potencia total de 348.29,5 vatios.

O alcalde de Brión, Pablo Lago Sanmartín, explica que “despois dos 285.000 euros investidos na mellora do alumeado público nas parroquias dos Ánxeles, Brión e Boullón, agora imos cambiar a LED todo o alumeado público de Brión, cubrindo todas as áreas que teñen déficit de alumeado e instalando unha tecnoloxía moito máis eficiente ca actual. Isto permitiranos ofrecer un mellor servizo ao tempo que reducimos o consumo eléctrico e coidamos do noso medio ambiente”.

MAIOR EFICIENCIA E AFORRO

Na actualidade, Brión conta cunha potencia instalada de 348.229,5 vatios, cun consumo de enerxía de 1.462.563,9 kW/h e un custe de 212.364,28 euros anuais. Unha vez executado este proxecto, a potencia instalada reducirase a 175.087,5 vatios, o consumo de enerxía baixará a 551.525,63 kW/h e o custe da factura eléctrica para o Concello descenderá ata os 80.081,52 euros, é dicir, un aforro de máis de 132.000 euros cada ano.

Neste proxecto están incluídos un total de 3.145 puntos de luz, cunha potencia media instalada de 110,72 vatios e con 4200 horas anuais de funcionamento. Uns equipos que serán substituídos por luminarias LED que, xunto coa instalación de trinta reloxos astronómicos, outros 20 reloxos mecánicos de patillas e 94 fotocélulas, permitirán un aforro enerxético do 62,29%. “Coa instalación destes equipos de telexestión nos cadros eléctricos conseguirase un maior control sobre o consumo e á hora de actuar no caso de futuras avarías, contribuíndo a mellorar a eficiencia e a calidade do servizo a veciñanza”, destaca Pablo Lago.

O aforro está causado tanto pola redución da potencia das lámpadas LED fronte ás actuais de descarga, como por unha mellor xestión do fluxo lumínico: tanto pola súa redución durante a noite como pola correcta utilización das ópticas, que dirixen a luz aló onde é precisa e evitan a contaminación lumínica. Como exemplo, os equipos actuais emiten un 15% do fluxo total ao hemisferio superior, mentres que coa nova tecnoloxía este valor será inferior ao 5%. Por todo isto, a certificación enerxética de todo o alumeado público brionés pasará a ser A.

Para poder executar este proxecto, o Concello de Brión solicita unha axuda de 1.653.707,19 euros por parte do IDAE, achegando o 20% restante a través de fondos propios. Un proxecto que ten un prazo de execución de catro meses e que, en todo caso, deberían estar rematadas antes de setembro de 2023.