Sábado. 20.04.2024

O xerente do Servizo Galego de Saúde (Sergas), José Flores Arias, recibiu a un grupo de representantes dos veciños da localidade de Os Tilos, acompañados por concelleiros do PP de Teo. Os populares contan que promoveron a reunión para falar sobre o futuro do centro de saúde de Teo, que está incluído pola Xunta no seu Plan de Infraestruturas Sanitarias de Atención Primaria.

Flores lembroulle aos veciños que a localización do futuro centro “depende unicamente da proposta que lles faga chegar o Concello, ao que xa enviamos unha carta a finais do ano pasado, aínda sen resposta, instándolle a que concrete a cesión dos terreos e indique que emprazamento considera máis acaído”.

Nese sentido, o voceiro do Partido Popular de Teo, José Manuel Guerra, volve esixir “a máxima disposición e entendemento da alcaldía coa Consellería de Sanidade do Goberno galego, polo ben da veciñanza e para darlle a maior axilidade posible ao proceso de creación do novo centro”. Ao mesmo tempo, lamenta “a cerimonia da confusión iniciada polo Partido Socialista de Teo co asunto da situación que vaia ter o centro”.

Guerra lembra que “a construción do centro de saúde é unha moi boa nova para todos”, polo que prega ao Concello “que se dea a máxima celeridade para permitir aos teenses contar cunhas instalacións modernas, que ofrecerán máis servizos aos veciños e que rematarán coa actual masificación e coa dispersión asistencial, o que facilitará a planificación de persoal, tanto en canto a dotación, como a substitucións”.

NOVO CENTRO DE SAÚDE

A previsión da Xunta de Galicia é que o novo centro de saúde en Teo conte con 16 consultas para adultos, área bucodental, despacho de traballador social, área de infecciosos, consulta de urxencias, catro salas polivalentes, toma de mostras e área pediátrica con catro consultas.

Respecto á oferta dos actuais centros sanitarios de Teo, incorporará unha consulta de medicina e enfermería, consulta de farmacia, área bucodental con dúas consultas, tres consultas polivalentes para a realización de técnicas, unha consulta de pediatría, unha consulta de enfermería pediátrica, unha sala de observación de pediatría, sala de educación sanitaria, despacho de coordinación e sala de atención ao usuario.