Venres. 29.03.2024

Os Concellos de Ames e Brión puxeron en marcha a quinta edición do obradoiro dual de emprego Renova no que participan 20 alumnos traballadores. Os alcaldes de Ames, Blas García, e de Brión, Pablo Lago, e a concelleira de Promoción Económica de Ames, Ana Paz, visitaron o alumnado deste novo obradoiro dual de emprego. Nesta edición pasa de 9 a 12 meses a formación que recibirán os alumnos traballadores sobre o certificado de profesionalidade oficial de Montaxe e mantemento de instalacións solares fotovoltaicas.

Os obradoiros duais de emprego son programas públicos de formación e emprego en que os participantes reciben cualificación profesional ao mesmo tempo que desenvolven un traballo produtivo en actividades de utilidade pública ou interese social. Este obradoiro está sufragado a través dunha subvención de 503.987 euros, concedida aos Concellos de Ames e Brión por parte da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, da Xunta de Galicia, para o financiamento dos custos de formación profesional para o emprego. Ademais, concedéronse 30.000 euros para 20 incentivos á contratación laboral.

O Renova V vai formar durante 12 meses a 20 alumnos/as, concretamente quince alumnos do Concello de Ames e cinco alumnos do Concello de Brión. Durante un ano os participantes recibirán formación na especialidade Montaxe e mantemento de instalacións solares fotovoltaicas. Esta é unha das principais novidades deste obradoiro respecto a obradoiros anteriores, xa que se incrementou de 9 a 12 meses a formación que recibe o alumnado.