Xoves. 25.04.2024

A Corporación municipal aprobou por unanimidade, as propostas para a participación de Melide no Plan Único da Deputación de A Coruña (POS+2021 e POS+Adicional 2021).

As obras aprobadas, cun investimento total de 620.000 euros, supoñen unha mellora nos servizos básicos da nosa vila. Entre elas atópanse a mellora sa accesibilidade peonil na Circunvalación da Feira, a adecuación e posta en valor da Rúa Ovedo, a construcción dunha senda peonil en Sabián e a mellora do acceso ás instalacións do campo de fútbol municipal.

Por outro lado, o fondo social do Plan Único deste ano permitiralle ao Concello de Melide destinar 194.033,69 euros a gastos sociais extraordinarios como poden ser programas de conciliación, a garantir ingresos suficientes ás persoas en soidade ou a familiar en situación de risco de exclusión social.

OS POPULARES PIDEN DESTINAR CARTOS AO RURAL

O PP de Melide de lamenta que “dos 664.922,84 euros que lle corresponden a Melide no Plan de Obras provincial cero euros se destinen ao rural melidense. O rural non existe para o bipartito melidense, Melide é unha vila cun casco urbano moi importante e moi activo, pero non pode entenderse sen rural, polo que non deixamos de lamentar que nin un so euro do plan máis importante de obras e servizos para un concello non vaia parar ás 26 parroquias que conforman o noso concello” apunta a portavoz popular, Dalia García.

Os populares sinalan que “dos proxectos aprobados, tres proceden do mandato anterior, co cal o esforzo xestor do bipartito é máis ben pouco. Gobernar é saber priorizar, e cremos que con esta proposta de obras, o bipartito melidense non está escoitando ás necesidades dos veciños e veciñas de Melide”, apunta García.