Sábado. 20.04.2024

O Concello cederá á Deputación o uso do edificio por 25 anos para a súa rehabilitación e transformación nun centro dotacional multiusos que incluirá un coworking da Deputación, oficinas municipais e provinciais e un auditorio de uso compartido que tamén estará á disposición da veciñanza da cidade histórica e de San Pedro.

O alcalde de Santiago de Compostela, Xosé Sánchez Bugallo, o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e a concelleira de Urbanismo, Mercedes Rosón, deron a coñecer esta os detalles do ambicioso plan de ambas institucións para o uso futuro da Casa da Xuventude, en pleno centro do casco histórico compostelán.

Formoso e Bugallo anunciaron a cesión da Casa da Xuventude de Santiago á Deputación da Coruña por un período de 25 anos e a convocatoria dun concurso de ideas para acometer a rehabilitación integral do inmoble, buscando unha mellor integración no entorno, máis accesibilidade e eficiencia enerxética, así como adaptar o inmoble a novos usos e servizos á cidadanía. Ademais da rehabilitación integral do inmoble, prevese tamén a remodelación da praza do Matadoiro, abríndoa ao parque de Belvís en coherencia co novo acceso ao parque previsto no planeamento vixente.

O custo da rehabilitación estímase en 1.346.000 euros, que será financiada nun 74% pola Deputación e nun 26% polo Concello de Santiago, a través dun convenio de colaboración entre ambas institucións.