Venres. 29.03.2024

O Concello de Ordes investirá 1.632.132,71 euros nunha serie de obras que poderá executar grazas ao superávit de 1,19 millóns e aos 4,78 millóns de remanente de Tesourería para gastos xerais da liquidación do exercicio orzamentario 2021. O trámite da aprobación do punto para o suplemento de crédito quedou resolto no último pleno co apoio unánime da corporación.

 Entre os proxectos dos que informou José Luis Martínez Sanjurjo, alcalde de Ordes, cabe sinalar a senda peonil de peregrinos que unirá O Mesón do Vento co Seixo, así como a extensión da rede de abastecemento parar todos os núcleos de poboación da baixa de Ardemil, incluíndo a vez os saneamento do núcleo da Carballeira (355.325,36 €). Tamén a ampliación da  pista principal que vai dende Vilasuso á igrexa de Beán (142.131,54 €); varios tramos dos accesos a Adina e a Adina vella (89.982,03 €), incluída unha nova conexión á N-550 nas inmediacións do tanatorio, a cuneta transitable da AC-409 ao Cruceiro, así como o desvío que vai cara Trasmil (Mercurín) con importe de 87.497,41€, e unha pista de concentración en Barbeiros (68.415,82 euros).

 O acondicionamento integral e mellora do local social de Merelle e do seu muro perimetral supón unha inversión total de 192.465,19 euros.

 Na parroquia de Santa Cruz de Montaos levaranse a cabo varias actuacións en diferentes viais. Así traballarase no camiño que une a N 550 co Piñeiro “Camiño Grande”, no que vai cara á igrexa, ademais de melloras no acceso a varias vivendas situadas de Guindiboo de abaixo. Outro dos puntos onde se intervirá será na pista que vai de Fosado ao límite con Oroso, complementando así as melloras efectuadas polo concello veciño no dito vial, e unha senda ao longo da marxe dereita da N-550 dende o desvío de Queis ao do Piñeiro. Todo elo por un importe total de 282.174,26 €.

 PLUVIAIS NA RÚA COMPOSTELA E OUTRAS ACTUACIÓNS NA PARROQUIA DE ORDES

A rúa Compostela, concretamente o tramo que transcorre dende a N-550 ata a intersección coa rúa Mercado contará con novas beirarrúas, ademais de instalarse o sistema de pluviais e de renovarse as redes de abastecemento e saneamento. Outras das obras contempladas dentro da vila atinxen á pista que vai da rúa Lagartos ao Piñeiro. Ademais de acometer actuacións de mellora de accesos en O Alto, Gosende, Darefe, etc. en un proxecto que ascende a un total de 320.717,60 euros.

 Outros dous proxectos, serán acometidos na parroquia de Lesta. En concreto a ampliación do aparcamento ao carón da igrexa parroquial e a rampla de acceso ao local da asociación de veciños, así como o acceso a unha vivenda sita en O Couto no límite con Cestaños (Parada). Proxectos valorados en 45.266,20 euros e 48.121,30 euros respectivamente.

 Dentro do ambicioso plan de obras e melloras de infraestruturas o rexedor informou da adquisición de cinco parcelas situadas nas inmediacións da actual residencia municipal de maiores, o que permitirá a súa ampliación (292.310 €). De cara á edificación do novo inmoble este contará co apoio económico da Deputación da Coruña e a coordinación da Xunta de Galicia. Unha vez concluído o número de prazas ampliarase en ata 100 residentes mais dos 49 actuais.

Na sesión, tamén por unanimidade, se aprobou a indemnización de 7.966,70 € ao anterior alcalde, Manuel Regos Boquete. Ditos cartos van destinados a sufragar a súa defensa xurídica por mor da denuncia recibida no seu día pola concesión de licencias de ocio nocturno. Un presunto delito continuado de prevaricación administrativa do que finalmente foi absolto por sentenza xudicial.