O municipio está a traballar coas empresas subministradoras para facelo posible

O Concello de Oroso realiza labores para ampliar a cobertura de fibra óptica

Un técnico realizando labores nun poste para a despregadura aérea da rede de fibra óptica no Concello de Oroso.

O Concello de Oroso está a colaborar con varias empresas subministradoras para levar a fibra óptica ao maior número de sitios, facendo fincapé no rural. Así pois, están a realizar obras como a despregadura de forma soterrada e aérea, que abarcará a case todas as parroquias e parte do núcleo de Sigüeiro.

O concelleiro de Medio Rural, Carlos Mosquera, apuntou que os traballos de ampliación da fibra óptica levan meses en proceso, xa que trátase dun “servizo que xa é básico na maioría dos fogares tanto para traballar como estudar”. Así, engadiu que o Concello está a colaborar coas empresas subministradoras para levalo a todos os lugares nos que se demande e sexa posible realizar as actuacións precisas.