Xoves. 25.04.2024

O Concello de Touro xestionará un presuposto de 3.662.000 euros no ano que comenza. Medrará un 7% con respecto ao presuposto do ano 2020, que chegou ata os 3.419.924 euros. O último pleno do Concello de Touro deu ‘luz verde’ ás contas para 2021 co apoio do grupo de Goberno (PP), que conta con maioría absoluta.

O capítulo de gastos correntes, bens e servizos lévase 1,78 millóns de euros. Os gastos de personal representan 1,10 millóns de euros e as transferenzas correntes chegan ata os 220.300 euros. Este último apartado medra un 115% respecto aos 102.000 euros destinados a transferenzas correntes o pasado ano. O Concello de Touro explica que esa cantidade servirá para facer fronte a cuestións vinculadas á pandemia da Covid19, entre as que poderían estar axudas a sectores afectados polo impacto do coronavirus.

Os investimentos reais previstos para o Concello de Touro en 2021 superan o medio millón de euros. O total do presuposto de gastos: 3.662.155 euros.

Pola súa banda, as transferenzas correntes supoñen 2.303.000 euros no presuposto de ingresos do Concello de Touro para este ano. Os impostos diretos alcanzan os 760.473 euros e os impostos indiretos, 35.000 euros. As tasas, prezos públicos e outros representarán en 2021 uns ingresos de 217.000 euros para o Concello de Touro. As transferenzas de capital sumarán 346.673 euros. O total do presuposto de ingresos para 2021: 3.662.155 euros.

O alcalde de Touro, Ignacio Codesido, considera que os presupuestos do Concello para 2021 son “realistas”e axustánse ás necesidades actuais da pandemia da Covid19”. Segundo destacou, “son unhas contas que están en contacto coa realidade social que viven os veciños e veciñas de Touro”. Tamén destaca “a aposta por manter as partidas destinadas a servizos sociais e de atención aos veciños e veciñas, fundamente nestes tempos de pandemia”. Ignacio Codesido lembra que, “un ano máis, o Concello de Touro non rexistra prácticamente débeda”.