Venres. 29.03.2024

Representantes de seis concellos da interior da Galicia interior reuníronse na casa do concello  de Melidepara fixar unha resposta común ante o Anteproxecto  de Lei de Mobilidade Sostible do ministerio de Transporte, Mobilidade e Axenda Urbana. Na reunión estiveron presentes o alcalde de Melide, José Manuel Pérez, os rexedores de Palas de Rei (Pablo Taboada), Santiso (Manuel Adán), Arzúa (José Luis García) e Toques (José Ángel Penas), así como o tenente de alcalde do Concello de Monterroso (Luis Mariño). Logo da xuntanza, os representantes de seis concellos, que suman case 24.000 habitantes entre as provincias da Coruña e Lugo, instan ao Goberno central a reformular a súa proposta dado que, en palabras dos rexedores, “aínda están a tempo de escoitar esta demanda social”.

Os representantes dos concellos afectados salientan que “o anteproxecto deixa moi desprotexidas ás persoas de máis idade dos nosos concellos, que representa un importante sector poboacional, pero tamén afecta negativamente ás persoas máis novas, desincentivando os proxectos vitais ligados ao medio rural e ás pequenas vilas, ademáis da demanda de transporte público que xera a localización de varios concellos no Camiño de Santiago”.

Os alcaldes reunidos en Melide convidan ao Goberno central a unha reformulación do Anteproxecto que teña en conta que as áreas rurais constitúen a ampla maioría da xeografía española e convidan ao Goberno do Estado a “ revisar esta normativa, para o que contarán con toda a nosa colaboración”.