Xoves. 25.04.2024

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, acompañada polo alcalde de Ares, Julio Iglesias, a directora do centro, Blanca Cortizas, e o xefe territorial de Educación, Indalecio Cabana, visitou esta maña o CPI As Mirandas en Ares, onde a Consellería de Cultura, Educación e Universidade vai acometer unha importante obra de ampliación que suporá a dotación de novos espazos educativos neste colexio.

Aneiros quixo coñecer de primeira man a situación do centro e informou que nos vindeiros días está prevista a firma do convenio de posta a disposición dos terreos por parte do concello de Ares para que a Xunta poda acometer as obras de ampliación “tan necesarias e demandadas dende hai moitos anos polo CPI As Mirandas, sinalou a delegada.

Unha vez asinado o convenio, a Consellería de Educación vai encargar a redacción do proxecto de ampliación no que se concretarán, de xeito específico, todas as actuacións a desenvolver e no que haberá con toda seguridade novas aulas para infantil e psicomotricidade. Está previsto que conte tamén cun aula multiusos e todas as instalacións necesarias e espazos comúns propios.

PLAN NOVA ARQUITECTURA PEDAGÓXICA

A consellería ten en marcha o Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, que é a folla de ruta para adaptar os centros escolares as novas necesidades educativas, sanitarias e tecnolóxicas de futuro. Todas as actuacións que se fagan nos centros educativos seguirán as prescripcións fixadas neste plan. Polo tanto, a ampliación do CPI As Mirandas vai estar deseñada acorde cos parametros tecnolóxicos, de sostibilidade e de accesibilidade marcados.

O Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, que suporá un investimento de 191 millóns de euros nesta lexislatura, contempla ata 2023 medio millar de actuacións en colexios e institutos. Trátase dunha iniciativa pioneira que busca reforzar un novo modelo de colexios e institutos onde a arquitectura teña unha orientación educativa vinculada ás novas metodoloxías de aprendizaxe.