Xoves. 25.04.2024

A Deputación da Coruña adxudicou por 92.267 euros o proxecto para a mellora da seguridade viaria na DP 4604 ao seu paso por A Zarra, A Barxa e Souto, no Concello de Toques. A sede da institución provincial acolleu a sinatura do contrato.

As obras, que contan cun prazo de execución de 5 meses, permitirán construír unha senda peonil de 1,8 metros de ancho na marxe dereita da estrada DP-4604 ao seu paso polos núcleos de A Zarra, A Barxa e Souto. Esta unirase coas beirarrúas existentes en ambos extremos. O camiño contará cun solo de cemento e será accesible para todas as persoas.

Á súa vez, incluirase no proxecto a prolongación da senda existente na marxe dereita da travesía de Souto entre os puntos quilométricos 7+479 e 7+585. Para iso empregarase pavimento continuo de formigón coloreado que contará cun ancho de 2 metros, similar á beirarrúa existente. A iniciativa tamén inclúe a execución dunha rede de recollida de pluviais nas zonas necesarias.