Xoves. 25.04.2024

A Deputación da Coruña presta apoio financeiro ao Concello de Teo para a renovación do firme de estradas municipais no lugar de Insua, parroquia de Luou. Faino a través do seu Plan Único, que financia o 100 % das actuacións cunha achega total de 76.891 euros.

Na actualidade, estas vías presentan deficiencias na súa plataforma, ocasionadas, fundamentalmente, polo paso do tempo, as inclemencias meteorolóxicas e o desgaste ocasionado polo tráfico rodado diario. Neste contexto, o ente provincial financia o estendido dunha nova capa de aglomerado asfáltico e a limpeza de gabias para incrementar a seguridade viaria na zona e mellorar a comodidade dos vehículos que discorren por ela.

Previamente a estas tarefas, levarase a cabo a reparación de fochancas no tramo no que se vai actuar, que comprende unha lonxitude duns 1.835 metros, cunha superficie total a aglomerar de 6.765 metros cadrados.

As obras proxectan tamén nova sinalización horizontal e vertical mediante pintado de liñas en bordos e colocación de sinais e o recrecido de 27 pozos de saneamento, 20 sumidoiros, 2 reixas lonxitudinais de drenaxe e 4 tapas de rexistro existentes ata a cota final de acabado. Os traballos terán como resultado unhas infraestruturas básicas en condicións óptimas para uso da veciñanza da contorna.