Sábado. 20.04.2024

O Departamento de Cultura do Concello de Arzúa informa que, debido á previsión de mal tempo para mañá, a programación de actividades do Día do Comercio Local sofre varias modificacións.

Deste modo, o parque de inchables previsto para mañá pola tarde queda cancelado e o mesmo levarase a cabo nunha nova data que será anunciada con antelación. Desde a organización tomouse esta decisión porque considérase que levar estas actividades a un lugar cuberto fóra do centro urbano restaría afluencia ás rúas perxudicando aos establecementos participantes tendo en conta que o fin principal desta xornada é apoiar o comercio e a hostalaría local.

Os postos de alimentación da chamada A feira larpeira funcionarán no horario inicial de 16:00 a 20:00 pero con pequenos cambios na súa ubicación. O posto que repartirá flocos de millo estará finalmente na entrada do Local de Ensaio (Avda. de Lugo, xunta o Xulgado), o de algodón de azucre na Praza de Galiza e o de chocolate con churros na entrada principal do Multiusos Terra do Queixo, en fronte ao Campo da Feira. Lémbrase que para poder consumir totalmente de balde en calquera destes postos, haberá que conseguir os tíckets mercando ou consumindo nos establecementos participantes nesta campaña unicamente durante a xornada do 8 de decembro.

No caso das actuacións musicais, a do grupo local de música tradicional Luar das augas está asegurada realizando a súa intervención no interior do Multiusos Terra do Queixo coincidindo coa feira quincenal e o pasacalles de Latexo Percusión estará suxeito á situación meteorolóxica ao longo da tarde.

De todos xeitos, desde o Concello animan á veciñanza e visitantes a participar neste día que conta co apoio de trinta e catro establecementos que odrecerán descontos de ata o 70%, sorteos, agasallos e ofertas especiais en tendas de todo tipo como zapaterías, textil, librarías ou xoierías, entre outros.

Ademais, paralelemente, a xornada inclúe unha ruta de tapas na que catro locais hostaleiros ofrecerán de balde por cada consumición unha tapa elaborada co protagonisto dos produtos típicos de outono. Estes son O Furancho de Santiso, Bar Manolo, Parrillada Europa e Bar Praza.