Martes. 23.04.2024

A escola infantil de Cedeira loce xa co seu exterior arranxado e uniforme despois das obras que realizou o Concello no edificio da ampliación. A administración municipal investiu máis de 61.000 euros nos traballos de reparación e pintado das fachadas, no cambio dos ventanais e o arranxo do beirado do tellado.

O goberno local amósase satisfeito co resultado da intervención neste edificio, que acollía antigamente o colexio de Santa María do Mar, e destacan que “o centro presenta un aspecto moi alegre, pola estética do propio inmoble e tamén polo mural que adorna o peche, obra do artista local Adrián Taracido e parte do programa de arte urbano que puxo en marcha nos últimos anos o Concello”.

Os traballos consistiron no cambio de seis ventás, limpeza, reparación, pintado e impermeabilización das fachadas e no arranxo do tellado. Concretamente, esta última parte da obra consistiu na desmontaxe de parte das tellas e o formigonado das cornixas, nas que tamén se instalaron novos caleiros.