Espomasa Mediambiental instala en Palas de Rei a súa factoría de fabricación de pellets e reciclaxe
O alcalde palense, Pablo Taboada acompañado de Miguel e Javier Castro responsables de Espomasa Medioambiental, comunicou o asentamento definitivo en Palas de Rei da empresa de fabricación de pellets e reciclaxe promovida polos irmáns Castro.
Cunha inversión de iniciativa privada que ronda o 2 millóns de euros e coa previsión de xerar máis de 25 postos de traballo directos o proxecto ponse en funcionamento nunha parcela duns 30.000 metros cadrados na parroquia de Marzá, nunhas instalacións que no seu día albergaron outro proxecto de fabricación de pellets. O proxecto, ten un carácter de circular, parte de colchóns e sofás usados ou outro tipo de materia téxtil e busca a valorización do produto final, está incluído dentro da marca de carbono cero.
Os irmáns Castro, que contan cunha longa traxectoria no sector, destacaron “a elección de Palas de Rei pola súa situación estratéxica” a súa vez, presentaron o proxecto como “un proceso de reciclaxe e valorización, no que logo dun proceso de recollida dos colchóns, sofás vellos ou usados e outro tipo de materia textil, estes son sometidos a un proceso de reciclaxe, conversión e transformación en materia prima aproveitable. A iniciativa, é novedosa a nivel nacional, dado que é a primeira vez que se fai en España un proceso destas características. Aínda que as súas instalacións estarán radicadas en Palas de Rei o seu radio de actuación abarcaría a comunidade autónoma galega sen descartar traballar con outras comunidades”.
Tal como detallaba, Miguel Castro, “agardamos comezar co proceso de recollida de colchóns e sofás xa a comezos de xaneiro do vindeiro ano para sobre marzo e abril do 2024, poñer en funcionamento a factoría ao 80% do seu rendemento”.
Esta empresa consolidada no sector, conta xa no concello veciño de Toques cunha planta de fabricación colchóns e en Melide ten instalada unha unidade de trituración, transformación e desinfección que agora, tal e como detallaron os irmáns Castro, “tratarán de centralizar en Palas de Rei onde potenciaran o apartado da valorización de colchóns”.
O alcalde, Pablo Taboada, amosou a satisfacción polo asentamento desta “novidosa iniciativa empresarial no rural de Palas de Rei que contribuirá a dinamización do tecido empresarial e o asentamento de novos postos de traballo no municipio”.