Venres. 19.04.2024

O Concello de Fene traballou en distintos punto do municipio co obxectivo de mellorar a seguridade e a accesibilidade das beirarrúas, pero tamén a do tráfico, co pintado de prazas de aparcadoiro, sinalización horizontal e a instalación de espellos convexos en varios cruzamentos. Estas actuacións complétanse, ademais, coa reposición de mobiliario urbano e incluso coa colocación de novo equipamento. Os labores nas beirarrúas centráronse maioritariamente en zonas onde se produciron levantamentos, sobre todo naquelas con arborado onde o propio crecemento da planta foi desconxuntando as baldosas, co conseguinte perigo de tropezos e caídas de viandantes. 


 

Os traballos, dotados en preto de 9.000 euros, desenvolvéronse na estrada da Palma -fronte á ferretería Berto-, na rúa Conces, nas avenidas Naturais de Fene e Marqués de Figueroa e no entorno da Praza 10 de Marzo e da avenida da Cooperación.

As obras coinciden no tempo con outras melloras relacionadas coa accesibilidade e máis a seguridade viaria e do tráfico, como por exemplo o pintado de prazas de aparcadoiro en Conces, na rúa Río Cádavo e no barrio de San Valentín, a colocación de espellos convexos que faciliten as incorporacións en varios cruzamentos ou a instalación de bolardos nun punto de Marqués de Figueroa en que a beirarrúa está a un nivel máis baixo que a estrada.