Venres. 29.03.2024

O Pleno Municipal do Concello de Frades aprobou o Plan Único de Concellos “POS+ 2021”, do que destinará 96.714,85 euros a obras, 185.629.42 euros a gasto corrente e 44.197,48 euros a amortizar débeda. Unha proposta que saíu adiante cos votos a favor do PP e coas abstencións de PSOE e BNG. Así mesmo, o pleno aprobou cos votos a favor de PP e BNG, e malia a abstención do PSOE, participar no POS+ Adicional 2021, que destinará 112.502,68 euros a financiar gastos sociais extraordinarios.

O alcalde de Frades, Roberto Rey, explicou que “nos últimos anos xa estamos afeitos a aprobar en solitario os investimentos do Plan Único pero este ano sorprendeunos que o PSOE non fora quen de votar a favor do Plan Adicional dirixido a financiar gastos sociais extraordinarios ocasionados por mor da pandemia da Covid-19. Agradecemos o voto a favor do BNG pero non entendemos a postura socialista”.

OBRAS E ACTUACIÓNS

O Concello de Frades destinará os 185.629,42 euros da Achega 2021 á financiación de gasto corrente e, por primeira vez nos últimos catro anos, acollerase ao Préstamo Provincial de 2021 para reducir débeda en 44.197,48 euros. Así mesmo, destinará 72.502,68 euros do POS+Adicional a ampliar o servizo de axuda a domicilio e os servizos de perruquería e podoloxía a domicilio; mentres que os 40.000 euros restantes irán a medidas para a atención das persoas especialmente vulnerables. “Estamos pensando sobre todo en actuacións para a eliminación de barreiras arquitectónicas no interior dos fogares e de adaptación funcional das vivendas para persoas vulnerables”, apunta o alcalde de Frades.

En canto ás obras, o Concello de Frades destinará 96.714,85 euros á financiación de dous proxectos. O primeiro proxecto é a mellora do viario nos accesos a Tarrío (Papucín) e outros, orzamentado en 61.080,29 euros e que inclúe o arranxo de oito pistas do municipio. Así, ademais da mencionada mellora do viario nos accesos a Tarrío (Papucín), inclúense a mellora do viario nos accesos a Devesa (Aiazo), Vilar (Céltigos) e á igrexa de Galegos. Tamén se inclúen as melloras dos viarios de acceso ás pistas da Panica ao Carballal (Meso) e da Camposa ao Covelo (Ledoira), así como a sendas pistas en Asemonde e O Ar, ambas na parroquia de Abellá. O segundo proxecto incluído no POS+2021 é a mellora do viario da pista AC-524 a Ponte Carballa (Abellá) por 35.634,56 euros.

Para dar continuidade a este segundo proxecto, o Pleno aprobou tamén un Plan Complementario orzamentado en 203.216,52 euros para a mellora do camiño da AC-524 (Abellá) e Vilar de Arriba (Frades), que inclúe tamén o arranxo do camiño de San Mauro a Cachada (Frades). Trátase dun proxecto xa presentado o ano pasado pero que non se puido executar por falta de fondos.

Roberto Rey sinala que “dende o Concello de Frades apostamos por anchear as nosas principais estradas e pistas para aumentar a seguridade de condutores e peóns, polo que queremos ensanchar unha das estradas principais nun metro, cincuenta centímetros cada lado, ao longo de 5,3 quilómetros”. Ademais, explica que “colocarase unha recollida de pluviais e unha cunetas de formigón que actuarán a modo de beirarrúas, mellorando a seguridade dos peóns”.

No debate plenario, o PSOE puxo de manifesto a súa disconformidade coa elección das pistas a arranxar, mentres que o BNG solicitou destinar parte dos fondos á ampliación da ETAP. Roberto Rey respondeulle aos socialistas que “se están valorando máis actuacións en todo o municipio para incluír no Plan de Camiños da Xunta e para acometer con fondos propios do Concello”; mentres que ao concelleiro do BNG lle informou de que “o Concello de Frades xa está en contacto coa Xunta de Galicia e Augas de Galicia para conseguir os fondos para a ampliación da planta potabilizadora de Ponte Carreira”.