Sábado. 24.02.2024

Unanimidade do Pleno de Frades á hora de solicitarlle ás administracións provincial, autonómica e nacional cadansúa actuación nas infraestruturas do municipio. Así, os tres grupos municipais volveron esixirlle ao Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana a inmediata realización de melloras na ponte vella sobre o Tambre, nos accesos á Cooperativa Central de Frades e na N-634 ao seu paso pola localidade de Ponte Carreira.

Unha petición fundamentada nun informe da arquitecta municipal que denuncia que “o estado da estrada N-634, no seu paso polo Concello de Frades, no tramo urbano de Ponte Carreira presenta numerosos problemas que dificultan o tránsito pola mesma, así como que presenta problemas de seguridade viaria tanto para os vehículos como para os peóns”. Así, a Ponte Vella que cruza o Río Tambre encóntrase en mal estado de conservación e con moita maleza e o acceso á Cooperativa Central de Frades dende a N-634 “é moi difícil para os camións, que son de grandes dimensións e teñen que dar un xiro moi cerrado, en pendente cara a baixo e con pouca visibilidade da estrada que ven do núcleo de Ponte Carreira”.

Así mesmo, denúnciase que o paso inferior da estrada no lugar de Campoduro ten gran cantidade de barro e auga que dificultan o seu tránsito e que a vía de servizo próxima ao límite co concello de Mesía, que dá servizo a dúas vivendas habitadas, non conta cun acceso asfaltado, o que lle produce graves prexuízos a estes veciños. Ademais, o único tramo asfaltado de ditas vías de servizo conta con grandes fochancas e o acceso que ten dende a estrada N-634 é moi perigoso.

INCUMPRIMENTO DENDE 2018

O Concello tamén solicita o cumprimento dun acordo de 2018 entre o Concello de Frades e o Goberno Central polo cal o Concello asumiría a titularidade da N-634 ao seu paso por Ponte Carreira a cambio do seu arranxo e da construción dunha senda peonil. Porén, en abril de 2021, o Ministerio de Transportes remitiuse a unha orde de 2013 para informar que estaba disposto a realizar a cesión, pero sen previo arranxo da estrada nin realización da senda peonil.

O alcalde, Roberto Rey, explicou que mantivo hai un par de semanas na Coruña un encontro co xefe da Demarcación de Estradas do Estado en Galicia, Ángel González del Río, “de novo moi boas palabras e que van facer un proxecto para presentar para a cesión, pero iso é algo que xa nos dixeran hai catro anos e seguimos igual”. No que coinciden os tres grupos é en non aceptar a cesión sen arranxo previo da estrada. “É certo que haberá cousas comúns a todos os concellos pero hai cousas moi concretas nesa estrada ao seu paso por Frades que teñen que solucionar porque non teñen escusa”, apunto o voceiro do BNG, Manuel Míguez; mentres que o voceiro socialista, Enrique Astray, insistía que “para que haxa cesión é irrenunciable que o deixen arreglado”.

ÁREA DA PRESA

Tamén houbo unanimidade á hora de solicitarlle á Consellería de Infraestruturas e Mobilidade e a Augas de Galicia unha petición de arranxo da presa que cruza o río Tambre nas proximidades de Ponte Carreira pois “está moi deteriorado e necesita dunhas serie de arranxos urxentes para que non termine por desaparecer por completo”, sinala Roberto Rey, quen sinala que “tamén solicitamos que se revise se continúa activa a concesión desa presa e que, de non ser así, se ceda ao Concello de Frades”. Unha moción apoiada polos tres grupos municipais, que volveron incidir na mesma argumentación co punto anterior: a cesión ten que chegar tras o arranxo da infraestrutura.

SENDA PEONIL DA DEPUTACIÓN

Finalmente, o Pleno aprobou por unanimidade unha moción do grupo popular na que se volve a instar á Deputación da Coruña a que dote de partida orzamentaria o proxecto “Mellora da seguridade viaria na estrada provincial DP-3802 Ordes-Ponte Carreira, Pk 14.45 a Pk 16.825, na marxe esquerda” e se informe do estado no que está o proxecto e de se se iniciou o proceso de expropiación.

O voceiro municipal do PP, Manuel Ferreiro, lembrou que “na actualidade contamos con 0,98 km de beirarrúas polos dous lados e 1,25 km de beirarrúas por un lado nas estradas de titularidade provincial, onde nos últimos 4 anos nin se ampliou nin se fixo ningunha nova, o que supón un agravio comparativo con outros concellos nos que se está a investir gran cantidade de diñeiro”. Ferreiro lembrou que a Deputación chegou a propoñer a división do proxecto en dous, alegando o alto custe da inversión, cando o deputado de Obras, José Manuel Pequeño, recoñeceu nunha visita a Frades que “non tiña sentido dividir ese proxecto dado que quedaría en terra de ninguén”.

O concelleiro tamén lamentou que o presidente da Deputación, na súa visita do 4 de xuño de 2021, “propuxera que fose o propio Concello de Frades quen negociase cos propietarios a cesión dos terreos, algo inviable pola gran cantidade de veciños e porque nesa mesma estrada dun concello veciño estase levando a cabo un proxecto similar e desa vez si que a Deputación fixo e pagou as expropiacións”. Así mesmo, lembrou que o Concello de Frades tamén tivo que asumir a realización dun estudo topográfico solicitado polo ente provincial, cando noutros municipios é a Deputación quen o fai.

FRACCIÓN DO PROXECTO

No debate plenario, BNG e PSOE insistiron na posibilidade de dividir o proxecto actual en dous proxectos para facilitar a súa realización, ao que o voceiro popular, Manuel Ferreiro, indicou: “claro que a metade é mellor que nada, pero é que dende a Deputación nin se tentou facer ese medio, están dilatando a cuestión. Pero, cando vez que noutros concellos se aproban proxectos por cantidades similares, o agravio comparativo non é entendible”.

Neste punto, o alcalde de Frades lembrou que “se están facendo sendas nas Pontes, Santiso, Toques, Mesía... de un millóns e 200.000 euros de expropiacións. Proxectos de un millón en Culleredo, Cerceda, Oroso... Temos dereito a ter sendas peonís como calquera outro concello. Non é un orzamento tan grande pero, se o van a partir, cando menos que nolo digan”. Unha situación que “tamén se presentará na Deputación por parte do grupo popular”, adiantou Roberto Rey.

Finalmente, o pleno aprobou cos votos a favor do grupo de Goberno e as abstencións de PSOE e BNG, a ordenanza de administración electrónica.