Xoves. 25.04.2024

O Concello de Frades construirá un segundo parque infantil cuberto, desta vez na parroquia de Abellá. Emprazado a carón do centro de saúde, a obra conta cun presuposto de 57.375 euros, dos cales a Xunta aporta 40.000 ao abeiro do Plan Hurbe e o Concello achega os 20.000 euros restantes.

 

O alcalde de Frades, Roberto Rey Martínez, explica que “o novo parque infantil colocarase nun dos laterais da praza, onde agora hai varias árbores que serán transplantadas. Será o segundo parque infantil cuberto que teñamos en Frades, despois da cubrición do parque de Ponte Carreira o ano pasado”.

 

O novo parque Abellá contará con varios xogos consistentes en dous molles, unha torre/tobogán, unha randeeira múltiple e unha cama elástica circular. Ademais, toda a superficie do parque disporá dun pavimento de caucho, con deseños en diferentes cores, para garantir a seguridade dos nenos e nenas que utilicen os xogos.

 

O parque contará cun peche perimetral para seguridade da rapazada e tamén para diferencialo do resto da praza. “Farémolo así para non invadir a praza do consultorio de Abellá, que acondicionamos o ano pasado para que a veciñanza poida utilizala para calquera tipo de evento”, puntualiza Rey Martínez. A obra xa foi adxudicada á empresa Construcciones Cernadas SL e os traballos darán comezo ao longo das próximas semanas.