Mércores. 24.04.2024

A presidenta da Corporación Nacional de Mujeres na Pesca Artesanal (Chile), Sara Garrido, mantivo onte unha reunión coa directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, na que intercambiaron distintas experiencias sobre o marisqueo en ambos os países. Unha visita na que informou sobre a marcha das xestións na candidatura conxunta do marisqueo da ría de Muros-Noia e a recolección de orilla de Chile a Patrimonio Cultural Inmaterial da UNESCO

Durante a reunión abordouse especialmente o papel da muller no sector marisqueiro. Así, Susana Rodríguez explicou as distintas iniciativas de formación que se acometen ao longo do ano e puxo en valor a colaboración entre a Xunta e os representantes do sector marisqueiro. Pola súa banda, Sara Garrido destacou a gran diferenza entre ambos os países en temas de igualdade e representatividade, a pesar de que en agosto entrou en vigor a Lei nº 21.370 que promove a equidade de xénero en pesca e acuicultura.

Sara Garrido estivo acompañada neste encontro por Néstor Lloyd, consultor que xestiona a candidatura en Chile, e Roberto Sueiro, un dos consultores que xestiona a candidatura en Galicia.

As comunidades de “ recolectoras de orilla” son o equivalente en Chile ao marisqueo galego, aínda que tamén traballan con algas e outras especies. Os seus integrantes son esencialmente mulleres, o cal casa coa proposta inicial da Ría de Muros-Noia, onde a importancia da muller tamén é esencial no sector marisqueiro. Unhas comunidades de mulleres que están emprazadas nas illas de Chiloé e Tenglo.