Venres. 29.03.2024

O goberno municipal de Arzúa, sae ao paso das declaracións feitas nos medios de comunicación polo voceiro do BNG, Xoán Xesús Carril, no referente ao acondicionamento da ruta de sendeirismo da Fervenza das Hortas.

Fontes municipais, indican que un dos principais propósitos do goberno local de Alternativa por Arzúa e PSdG-PSOE é “axudar ao tecido empresarial local, que tan mal o están pasando nunha situación económica tan complicada como a actual debido á pandemia provocada pola covid-19”.

Con esta única pretensión o goberno local destinou unha parte do orzamento municipal ao reacondicionamento da ruta de sendeirismo da Fervenza das Hortas, para que “Arzúa gañase posicionamento como referente do turismo de interior e axudar así a un dos sectores locais máis castigados pola situación. De feito, esta actuación de mellora do roteiro foi executada por unha empresa local”, apuntan dende o goberno local.

Engaden que “o voceiro do BNG de Arzúa, Xoán Xesús Carril, o único que persegue coas súas críticas destructivas, a parte de tratar de torpedear os obxectivos do goberno local, é poñer en entredito o traballo, non do alcalde nin da concelleira de Turismo, senón dos técnicos municipais e dos profesionais, traballadores e traballadoras das empresas locais de Arzúa, que neste caso son os encargados de executalos”.

Contan que “é unha mágoa que Xoán Xesús Carril non aproveitase o seu tempo como concelleiro no goberno para poñer en práctica os coñecementos técnicos que di ter e abandeirase a construcción dunha tribuna no campo de fútbol que fai augas por todos os lados ou que mesmo aplaudise o investimento de 2 millóns de euros no acondicionamento da travesía da N-547 que tantos problemas acarrea dende aquel entón”.

O goberno local de Arzúa di que “aceptamos de bo grao calquera crítica constructiva sobre a nosa xestión pero xamais corresponderá con quen só se dedica a incordiar, a impedir e a destruir. Mágoa que a Xoán Xesús Carril a súa amargura só lle permita restar e nunca sumar nin cooperar”.