Venres. 29.03.2024

O concelleiro de Persoal, Miguel Mahía, informou da participación de tres membros do equipo do Grupo de Emerxencias Supramunicipal de Mugardos no programa formativo da especialidade forestal que se está a impartir dentro do programa de formación dual Reinicia VIII.

A actividade desenvolta centrouse por unha banda en poñer en valor a importancia das actividades de prevención de incendios, como o traballo de limpeza de cortafogos, limpeza de fincas ou mantemento da biomasa, e o enorme impacto que estas tarefas preventivas teñen á hora de minimizar o risco de incendios.

Por outra banda, os GES realizaron unha pequena presentación do seu traballo cando se presenta unha emerxencia, especialmente no caso dos incendios, tanto nos forestais como nos urbanos.

Así mesmo, o persoal do GES aproveitou a ocasión para ensinar aos participantes do curso o funcionamento dos desfibriladores (DESA) e como facer uso dos mesmos.

Mahía quixo destacar a importancia que este tipo de formación ten, tanto para os que reciben a información como para aqueles que a trasladan “Onte un equipo dos GES de Mugardos estivo máis de duas horas formando a futuros traballadores do sector forestal, e como eles mesmos me trasladaron ao rematar, foi un pracer para poder falar do seu traballo, da importancia das tarefas de prevención e do moito que nos vai a todos no coidado da terra”.

“Os membros do Concello de Mugardos, e por suposto os membros do GES, estamos a disposición da veciñanza para seguir traballando no camiño da seguridade e a formación. É un traballo conxunto da sociedade a concienciación e a prevención, e en Mugardos temos a enorme sorte de contar cun gran equipo de profesionais tanto da prevención como da actuación ante as emerxencias” concluíu Mahía.