Xoves. 25.04.2024

O alcalde de Oroso, Luis Rey, avanzou que a execución nos vindeiros meses de seis novas obras en Sigüeiro, cun investimento global de 663.000 euros, permitiralle ao goberno local pechar o actual mandato en maio de 2023 cun total de 2 millóns de euros de investimentos en obras realizadas en Sigüeiro.

Segundo avanzou, en datas próximas comezarán a executarse o proxecto de construción dun gradarío e o acondicionamento do perímetro do terreo de xogo no campo de fútbol de Oroso (109.000 euros) e o proxecto de novas melloras en tres rúas do Parque Empresarial de Sigüeiro (99.000 euros): mellora do pavimento na rúa Otero Pedrayo e na avenida Álvaro Cunqueiro e substitución de canles na rúa Eduardo Pondal. A estas dúas obras de próximo comezo hai que engadirlle tamén a construción do carril bici entre Sigüeiro e a estación de Oroso, que será outro dos proxectos relevantes na recta final do mandato cun investimento de 323.000 euros; ademais, destinaranse 94.000 euros á humanización da rúa do Campo, 18.000 euros ao cambio do tellado da grada do campo de fútbol de Sigüeiro; e 19.000 euros á reparación dunha parte da fachada do Centro Cultural.

Rey precisou que estes 663.000 euros de nova execución sumaranse aos 367.000 euros do remate das obras de reforma e ampliación do auditorio do Centro Cultural que “avanzan a bo ritmo” e a outras tres actuacións xa realizadas no seu primeiro ano como alcalde. En conxunto, sumados aos 4 millóns de euros de investimentos no rural, estamos a falar de que este goberno local rematará o mandato posibilitando un investimento récord de 6 millóns de euros no municipio”.