mércores 01/12/21

A subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas López, recalcou hoxe, en Melide o respaldo do Executivo á reactivación do Camiño de Santiago. A subdelegadada lembrou que o Goberno ten en execución un programa de actuacións de mellora do Camiño francés ao seu paso pola provincia da Coruña, acaba de poñer en marcha o Plan nacional Turístico Xacobeo e tamén reforzou o Plan de Seguridade Xacobeo, que este ano inclúe novas medidas de auxilio aos peregrinos como son as Oficinas Móbiles de Atención da Garda Civil.

A subdelegada destacou o papel da Garda Civil para a revitalización do Camiño e a súa contribución ao éxito do Xacobeo, pois asume a responsabilidade fundamental da protección dos diferentes camiños e dos seus usuarios.

Na provincia da Coruña, presta servizo de maneira estable desde principios de xullo. No tempo no que traballou en fase de probas, a Oficina Móbil de Atención ao Peregrino da Garda Civil realizou 28 servizos e atendeu 483 auxilios e peticións de información.

As OMAP son vehículos acondicionados para funcionar como oficinas itinerantes nas que os axentes da Garda Civil dispoñen dos medios necesarios para dar atención aos peregrinos que requiran dos seus servizos. Así, os axentes poden tramitar denuncias, proporcionar información e asesoramento policial aos peregrinos.

A subdelegada informou de que no primeiro semestre a Garda Civil prestou 4.135 servizos relacionados coas rutas xacobeas existentes na provincia mentres que en todo o ano 2020 o número de servizos fora de 5.915. Entre as actuacións realizadas de xaneiro a xuño de 2021 figuran 14 auxilios a peregrinos, e nos doce meses do ano pasado o número de auxilios foron 16.

 Neste ano, retomase tamén a colaboración con corpos de seguridade doutros países que foi interrompida en 2020 pola pandemia. En total haberá 27 efectivos no Camiño Francés durante xullo e agosto procedentes dos corpos de Francia, Portugal e Italia. Este ano, por primeira vez, houbo presenza das policías de Brasil, Alemaña e Reino Unido durante a semana anterior e a posterior ao 25 de xullo.

comentarios