Xoves. 25.04.2024

O Concello de Melide anunciou a presentación de alegacións ao Anteproxecto de Lei de Mobilidade Sostible que prepara o ministerio de Transporte, Mobilidade e Axenda Urbana. Do mesmo modo, o alcalde, José Manuel Pérez, dirixiuse por carta á ministra, Raquel Sánchez Jiménez, para exporlle os prexuízos que a norma, na súa concepción actual, ocasionaría a Melide e outros concellos do rural galego.

Na súa misiva, o rexedor de Melide alerta do “grave prexuízo que ocasionará a vila e na súa comarca a actualización e reforma das concesións de transporte nas estradas do Estado. A eliminación de paradas será moi negativa nos municipios rurais e especialmente no caso de Melide, por ser a liña Santiago de Compostela-Lugo moi empregada pola veciñanza para levar a cabo todo tipo de trámites ou acudir a consultas médicas de especialistas”. Lembra José Manuel Pérez que” se trata dunha liña de uso diario por parte da veciñanza e tamén moi solicitada polo feito de confluíren en Melide dúas rutas do Camiño de Santiago, Francés e Primitivo”.

As alegacións presentadas polo Concello de Melide reiteran e expanden estes argumentos para solicitar a modificación dun Anteproxecto que deixa sen un importante servizo a vila e os municipios próximos. O documento remitido ao Ministerio lembra que Melide é unha entidade territorial que conta con 26 parroquias e unha poboación de aproximadamente 7.500 persoas, estratexicamente situada no corazón de Galicia entre Santiago e Lugo. Esta situación e proximidade xeográfica á capital autonómica e á da provincia veciña fai que a liña de transporte sexa moi utilizada tanto por estudantes de ciclos formativos ou universitarios como por veciños que precisan desprazarse a unha destas cidades.

Do mesmo modo, nas súas alegacións o Concello lembra que nos picos da afluencia de peregrinos no Camiño Francés e no Camiño Primitivo a demanda de liñas públicas de autobús medra de forma moi notable.

O Concello reclama ao Ministerio de Transporte, Mobilidade e Axenda Urbana que se modifique o Anteproxecto con criterios que teñan en conta as necesidades específicas do medio rural. “Débese procurar o equilibrio entre a sostibilidade económica do servizo e o equilibrio territorial e social do mesmo, de forma que non se dificulte a mobilidade no rural nin se eliminen servizos e calidade de vida no mesmo” apunta o rexedor.



http://concellodemelide.org