Martes. 19.03.2024

O Partido Popular de Melide amosan a súa “preocupación” pola nova sinaléctica que o Concello de Melide vén de instalar na vila na que se indica como ubicación “permanente” o mercado dominical a carón do edificio Multiusos.

Dalia García, portavoz do PP local di que “dous anos despois, en pleno ano de superación da pandemia, acórdalles sinalar o mercado dominical. No seu día xa advertimos das repercusións de decisións como dividir o mercado de froita e verduras, de trasladar sen previo aviso aos ambulantes, de non buscar canles de colaboración entre hostalería, comercio local e feirantes para localizar o mercado noutras rúas e cumprindo sempre os protocolos de seguridade, o que trae como consecuencia. Moitos veciños con locais cóntannos que se están planteando pechar os domingos; o que antes era o mellor día da semana, agora, lamentablemente, é un dos peores”.

Engade que “ao instalar esta sinaléctica pensamos que a intención orixinaria do bipartito de J.M. Pérez non foi outra que mover dunha vez por todas o mercado dominical do Cantón de San Roque das principais arterias do casco antigo, onde primixeniamente sempre se mantivo o mercado. Pérez e os seus socios enganaron a Melide, porque sempre foi a súa intención cambiar o mercado de localización; lamentablemente, executaron esta decisión con aleivosía, nunca defenderon esta decisión directamente, enganaron a varios comerciantes que no seu momento protestaron e pediron explicacións”.