Venres. 29.03.2024

O alcalde de Oroso, Manuel Mirás Franqueira, obtivo en Madrid o compromiso do Ministerio de Fomento de convertir a iniciativa da nova circunvalación de Sigüeiro en proxecto, polo que a infraestrutura será unha realidade nun prazo máximo de tres anos.

Mirás Franqueira mantivo unha reunión co director xeral de Estradas do Ministerio de Fomento, Javier Herrero Lizano, para concretar os detalles e prazos da nova circunvalación, que sairá da rotonda de saída da AP9, bordeando Sigüeiro polo oeste en paralelo á autoestrada ata conectar coa estrada que vai de Sigüeiro ao aeropuerto.

“Será unha circunvalación de 2.242 metros e estará operativa nun prazo máximo de tres anos, polo que quero antes de nada agradecer a receptividade do Ministerio de Fomento, que entendeu que é un proxecto moi importante para o concello”, explica Mirás.

A circunvalación permitirá eliminar o tráfico de vehículos pesados do caso urbano de Sigüeiro, polo que aumentará a seguridade viaria, mellorará a fluidez da circulación e baixarán de forma considerable as emisións de CO2 nun tramo arredor do cal residen 4.000 veciños e veciñas.

“O proxecto permitirá humanizar o tramo da N-550 que pasa por Sigüeiro, na avenida de Compostela, gañando espazos para as persoas, co novo carril-bici que anunciamos hai uns días e favorecendo tamén aos establecementos e negocios da zona”, engade o alcalde.

En palabras de Manuel Mirás, “unha gran nova para os veciños e veciñas, xa que co enlace á AP-9 e esta circunvalación, Oroso terá infraestruturas de comunicación por estrada para 50 anos”.

A circunvalación suporá por outra parte un paso máis na axenda impulsada polo grupo de goberno orosán na procura dunha mobilidade sostible, reforzando a loita contra o cambio climático.

De feito, Oroso foi o primeiro concello da comarca de Santiago en ter preparado o seu Plan de Acción para o Clima e a Enerxía Sostible (Paces), que implica reducir nun 40% as emisións de efecto invernadoiro no ano 2030, apostando por un municipio sostible, respectuoso co medio ambiente e cun urbanismo responsable.