Sábado. 20.04.2024

Moeche aprobou o pasado mes de febreiro a distribución de postos, parte deles vacantes, e este mércores someteu a Pleno a súa modificación para adaptala á Lei 20/2021, de 28 de decembro, de medidas urxentes para a redución da temporalidade no emprego público. A norma establece a obrigatoriedade de consolidar aquelas prazas estruturais que teñan dotación orzamentaria e estean desempeñadas por persoal temporal. A modificación da RPT é o paso previo á aprobación, antes do mes de xuño, da Oferta de Emprego Público 2022 que recollerá o listado de prazas cuxa cobertura deberá convocarse no prazo máximo de dous anos.

Segundo o acordo sometido a Pleno, o Concello amortizará seis prazas de persoal laboral eventual de auxiliares do SAF e tamén a de técnico deportivo, que pasarán ter a consideración de prazas de carácter laboral fixo da seguinte maneira: 2 vacantes de Auxiliar do Servizo de Axuda no Fogar que se deberán cubrir mediante concurso-oposición e outras 4, tamén do SAF, cuxa provisión se fará mediante un procedemento de consolidación de emprego temporal, o mesmo que no caso da praza de persoal técnico deportivo.

O Goberno municipal presentoulle ao Pleno un acordo "que dará estabilidade aos postos de traballo ocupados de forma temporal desde hai anos e ao tempo permite aplicar os preceptos establecidos pola Lei 20/2021, de 28 de decembro, de medidas urxentes para a redución da temporalidade no emprego público", explica a alcaldesa, Beatriz Bascoy.

Deste modo, o cadro do Concello de Moeche quedará composto por 6 prazas para persoal funcionario -todas elas cubertas-, 10 de persoal laboral fixo -das cales 7 están pendentes de cubrir, aínda que ocupadas neste intre- e outras 3 de carácter eventual, 2 para reforzo de vacacións no SAF e 1 correspondente ao persoal técnico do centro de interpretación das Revoltas Irmandiñas.

O documento aprobado no Pleno extraordinario por maioría do Grupo de goberno e coa abstención da portavoz Grupo Municipal do PP será sometido agora a información pública mediante anuncio no BOP durante 15 días. A partir del elaborarase a denominada Oferta de Emprego Público 2022, que reflectirá o compromiso da Administración de convocar a cobertura efectiva das prazas vacantes. Segundo a normativa estatal de redución da temporalidade no sector público, a OEP debe publicarse antes do mes de xuño deste mesmo ano.

Porén, a aprobación da OEP non significa necesariamente que os procesos selectivos se teñan que convocar ao longo de 2022, senón que a partir da publicación da oferta o Concello disporá dun máximo de dous anos para levar a cabo as oposicións. A este respecto, e aínda sabendo que existe esta marxe, o executivo municipal ten intención de que o Concello poida cubrir as prazas vacantes e levar a cabo os procedementos de consolidación "sen demoras innecesarias e cumprindo, como non pode ser doutro xeito, cos prazos e obrigas de publicidade que sinala a lei", recalca Beatriz Bascoy.