Martes. 14.05.2024

Que é o Eixo Atlántico?

O Eixo Atlántico é unha eurorrexión onde estamos 41 concellos de Galicia e norte de Portugal. Creo que é un referente a nivel europeo, xa que é o primeiro organismo que funciona como tal fóra do ámbito rexional. Trata de buscar sinerxias dende a nosa singularidade, porque o territorio ás veces non entende de fronteiras e podemos ter máis similitude co norte de Portugal que co sur de España. Polo tanto, busca as fortalezas que temos nesas condicións similares, pero tamén aproveita o que nos diferenza.

Si que é certo que, sendo un territorio moi homoxéneo, tamén temos moita disparidade. Nesa pluralidade está a riqueza. Temos obxectivos comúns con necesidades comúns, onde buscamos esa fortaleza de 41 territorios, facendo desa zona unha masa crítica poboacional moi importante. Estamos a falar de 7 millóns de persoas e, polo tanto, esa é un dos seus puntos fortes.

Reivindicar necesidades comúns como a posta en valor da cultura ou o deporte e de eixos económicos; pero tamén da demanda das infraestruturas que, como comunidade e país periférico, é unha cuestión que nos fortalece.

Lara Méndez, alcaldesa de Lugo
Lara Méndez, alcaldesa de Lugo

Foto Monica Montero

Que beneficios ten para Galicia e Portugal formar parte deste organismo?

Eu creo que esa similitude como territorio refórzanos, esa reivindicación de demandas conxuntas fortalécenos, e tamén nos dá visibilidade como eurorrexión. É a única que existe a día de hoxe dentro do ámbito europeo. Permítenos concorrer a fondos europeos, a fondos transfronteirizos, por ter xa esa unión da eurorrexión, e ter visibilidade fóra de España a nivel europeo.

 

«O Eixo Atlántico permítenos concorrer a fondos europeos e ter visibilidade fóra de España a nivel europeo»

Lugo é capital da cultura do Eixo Atlántico, como o está percibindo a cidade? E a provincia?

O Eixo Atlántico leva funcionando máis de 30 anos. Temos xa acollido outros eventos, unha capitalidade da Cultura en edicións anteriores, a capitalidade dos Xogos do Eixo Atlántico... A xente ten moi interiorizado o que é e a súa importancia.

Este ano volvemos asumir a capitalidade do Eixo Atlántico, polo tanto é unha visibilidade da cidade e da provincia durante todos estes meses. As actividades que hai dentro do Eixo Atlántico permítennos tamén poñer en valor todo o que temos que ofertar culturalmente falando, máis aló do rico patrimonio que temos, que xa é obvio por coñecido e por tradición e historia.

Tamén incorporamos novas disciplinas, como pode ser o arte urbana, onde temos grandes nomes como Diego As; onde estamos a ser un referente, onde moita xente pode vivir desa paixón que e o arte urbana. Isto permítenos poñer en valor distintas disciplinas como danza, música, maxia... Máis aló das citas habituais: San Froilán, Arde Lucus ou Caudal Fest, que tamén tiveron a súa pegada neste ano que asumimos a capitalidade da cultura.

Permítenos proxectar a imaxe da cidade de Lugo dentro da Eurorrexión, pero tamén esta eurorrexión nos permite ter ese escaparate internacional, é unha proxección para a cidade. A cidadanía está asumíndoo moi ben e participa con moita afluencia de xente en todas e cada unha das actividades que temos. Proximamente nestes días imos celebrar unha cata literaria con persoeiros de renome e permítenos tamén fusionar culturalmente Galicia e Portugal.

Lara Méndez, alcladesa de Lugo, na entrevista
Lara Méndez, alcladesa de Lugo, na entrevista

Foto Monica Montero

O Plan Estratéxico de Lugo ten catro eixos fundamentais, o primeiro é a mellora de infraestruturas de acceso á cidade, que accións se están levando a cabo para cumprir con esta acción?

Máis que falar de catro puntos do plan estratéxico falaría de estratexia de cidade. Eu creo que o podemos simplificar en dúas.

A primeira é a transformación física da propia cidade para buscar esas urbes resilientes, amables, integradoras dende todos os ámbitos, dende o social e o económico, ese sería un gran obxectivo.

A segunda sería a transformación económica para xerar oportunidades e emprego, porque non vale de nada unha cidade moi amable, resiliente e proactiva na loita contra o cambio climático, pero que non teña oportunidades para poder reter e atraer talento, outro dos grandes obxectivos.

Dentro diso temos distintas estratexias, moitas financiadas con fondos europeos de distintos programas, como pode ser o Life, co seu proxecto piloto máis coñecido, Impulso Verde; como pode ser Muramiñae, que busca a conectividade na cidade; como pode ser o Smart City. E dende o ámbito económico, grandes proxectos estrelas como pode ser o fondo de capital risco onde queremos consolidar a empresa existente, darlle oportunidades ás novas empresas e atraer empresas de fóra. Por exemplo, temos xa dúas operacións firmadas cunha empresa da Coruña que se vén para Lugo e outra de Barcelona que vén poñer o seu domicilio fiscal en Lugo.

Dentro desas estratexias, dentro desa transformación da cidade, facémolo a través de distintas liñas de axuda que denominamos estratexias de cidade. Como denominador común de todas elas está outro piar fundamental: as comunicacións. Non podemos falar de ser competitivos, de dar oportunidades, se despois temos esa eiva de que as comunicacións poñen en agravio este obxectivo. Polo tanto a reivindicación das comunicacións é un eixo imprescindible.

Reivindicamos e seguiremos reivindicando que se nos comunique tanto de forma viaria como ferroviaria co resto de Galicia e coa península, polo tanto este é unha das grandes prioridades. Temos avanzado moito nos últimos anos. Estase a facer un gran esforzo por parte do Goberno central en electrificación da rede ferroviaria Ourense-Lugo, máis de 560 millóns de euros de inversión. Temos tamén o gran desafío da inclusión do corredor norte, o que sería Lugo-A Coruña-Ferrol, na comisión europea que neste ano 2023 abre para modificar os trazados. A inclusión do corredor é outro obxectivo irrenunciable que veño reivindicando como alcaldesa e como presidenta do Eixo tamén. E as comunicacións viarias, como pode ser a A-54 ou a A-56.

Pero tamén demandamos a outras administracións, como as de competencia autonómica, a Xunta de Galicia, que tamén faga esas inversións para poder ser competitivos no ámbito autonómico. Evidentemente para nós é fundamental ter as comunicacións e tamén as infraestruturas necesarias, como pode ser a Intermodal. Cando eu cheguei no ano 2015 á Alcaldía, estaba metida nun caixón, tivemos que poñelo novamente na axenda política, tivemos que pelexar para que sexa unha realidade. Afortunadamente a día de hoxe temos un convenio asignado a tres bandas: Xunta de Galicia, Concello de Lugo e Adif-Ministerio de Transportes, para que isto sexa unha prioridade . Esa é unha liña, un denominador común, onde reivindicamos esas conectividades a través das infraestruturas.

Pero tamén reivindicamos a conectividade dixital. Necesitamos que as novas tecnoloxías estean presentes, necesitamos que esa fenda dixital deixe de ser unha realidade. Hoxe son necesarias no ámbito educativo, todos os nenos e nenas necesitan conexión para poder facer incluso os traballos ou para poder acceder aos propios documentos que precisan para estudar.

Tamén dende un ámbito social, porque hoxe nos comunicamos moito por Internet, videochamadas, conferencias... Precisamos Internet para poder pedir unha cita médica, para facer unha compra de alimentos e debemos loitar tamén para que isto sexa unha realidade independentemente de onde viva cada veciño e veciña. Así mesmo, as comunicacións dixitais nun ámbito laboral. Hoxe o teletraballo é unha realidade, veuse incrementado na situación de pandemia e pospandemia e chegou para quedarse. Isto vai permitir que calquera persoa poida desenvolver a súa actividade laboral dende calquera punto do territorio e contribuír a fixar poboación, que é un dos grandes obxectivos que temos. Calquera persoa dende a súa casa poderá estar traballando nunha das 54 parroquias de Lugo para unha empresa internacional. Polo tanto as comunicacións dixitais son outro reto no que seguimos pelexando.

 

 

«Cando cheguei á alcaldía, a Intermodal estaba metida un caixón, tivemos que pelexar para que sexa unha realidade».

 

Un dos puntos desa estratexia é mellorar o tecido produtivo. Lugo é o un dos poucos concellos de España que fixo esa aposta polo capital risco.

No tocante ao fondo de capital risco, si é certo que houbo outros concellos, como o de Xixón ou Madrid, que fixeron algunha inclusión neste tema, pero o noso é diferencial. Entramos a formar parte do capital da empresa, de maneira transitoria, coa idea de despois facer unha desinversión. Con iso contribuímos a fixar poboación, fixar tecido produtivo, ademais de avanzar cara un cambio de modelo produtivo.

Despois da pandemia, coñecendo a nosa realidade que é a dunha cidade que se basea moito no sector terciario, no sector servizos, vimos como se viu debilitada e afectada pola pandemia e postpandemia e posterior crise derivada da situación bélica. Sentimos a necesidade de facer algo máis. Xa iniciaramos con proxectos como o uso da madeira como elemento estrutural, para diversificar o sector, para aumentar a competitividade e non ter tanta dependencia do sector terciario. A pandemia fixo que deramos un paso máis e puxeramos en marcha ese fondo de capital risco, onde non só aportamos nós 12 millóns de euros, senón que a iniciativa privada aportou tamén un millón de euros máis. Fortalecemos as sinerxías da colaboración público-privada, outra lección que fomos aprendendo co paso do tempo, incrementado por esa necesidade a raíz da propia situación pandémica. Eses lazos, esas vías de comunicación e colaboración, teñen que ser unha realidade para facernos fortes e competitivos. Diversificar o tecido produtivo da nosa cidade e contribuír a xerar emprego de calidade, emprego cualificado de moitas persoas que, despois de adquirir a súa formación, teñen que buscar a oportunidade laboral noutros lugares por non ter aquí eses empregos que lles permitan desenvolver unha carreira profesional.

Lara Méndez  na entrevista, co editor do xornal
Lara Méndez na entrevista, co editor do xornal

 

«Aportamos 12 millóns de euros ao fondo de capital risco e a iniciativa privada aportou un. 

Fortalecemos as sinerxías da colaboración público-privada».

 

O cuarto dos eixos fundamentais é a proxección da cidade de Lugo ao exterior, que accións se levan a cabo para conseguir este obxectivo?

Pois son moitas iniciativas. A declaración do Arde Lucus como Festa de Interese Turístico Internacional, que xa de por sí aumenta a proxección internacional, verase reforzada con este fito. E falo de fito porque nun período moi breve de tempo fomos quen de conseguir estes tres distintivos: o de Festa de Interese Turístico Galego, Nacional e agora Internacional.

Pero Lugo está a ser un referente a nivel internacional en moitos eidos: o cultural, histórico, co noso rico patrimonio, con tres elementos na lista da UNESCO...

Pero tamén dende un ámbito de sostibilidade. Lugo está a ser un referente internacional no eido da sostibilidade, estamos a participar en moitos foros nacionais e internacionais, o último máis recente na xornada de Piñeiros 23, da fundación Arume. Fai poucas semanas tamén participamos nun foro de líderes urbanos na cidade de Málaga, pero tamén témolo feito de maneira internacional.

Lugo está a ser referente porque nesa transformación física da cidade non só convertemos, recuperamos, humanizamos e renaturalizamos espazos, senón que tamén estamos a proxectar a cidade dende un punto de vista urbanístico, empregando a madeira como elemento estrutural. Isto permite deseñar unha cidade con crecemento urbanístico dende un punto de vista sostible, pero tamén pechar o círculo, fomentar a economía circular, a economía verde, utilizando os recursos naturais de proximidade que temos, como a madeira.

Non só na provincia, no propio Concello de Lugo o 52% é terreo dedicado a fins agrarios, gandeiros ou forestais. Temos a gran capacidade de poder incrementala, para ter os montes a produción, evitar paisaxes abandonadas que dean lugar a outras circunstancias como o incremento de xabarís, toxos ou silvas... Contribúe a manter o territorio limpo e coidado, evitando así incendios. Sabemos que canto máis estean os montes a producir, menos circunstancias se dan. Tamén axuda a fixar a poboación no rural. Se temos unha actividade económico na contorna do noso hábitat, evidentemente mantemos a residencia no lugar.

Por outra banda, diversifica tamén o tecido produtivo, facendo non só a primeira ou segunda transformación, senón indo máis aló na terceira e cuarta transformación, tendo un potencial importante de dinamización económica.

 

«Estamos a proxectar a  cidade dende un punto de vista urbanístico, empregando a madeira como elemento estrutural, fomentando a economía circular».

 

O Impulso Verde é un novo símbolo que representa a Lugo no mundo, como podería definir esta estratexia?

É un símbolo xa de por sí. Esta a ser un referente dende o minuto cero, é dicir, dende o primeiro momento que empezamos a deseñalo. Dende o punto de vista arquitectónico, todo o proceso tivo moitísimas visitas, xa tiña actividade propia. Viñeron desde colexios de primaria da nosa cidade a centros educativos onde se forman enxeñeiros, arquitectos, de Europa, de Asia, de América, da India.. E polo tanto o propio edificio en si xa é un referente.

Pero o edificio en si para nós é o xerme do que será o primeiro barrio multiecolóxico de toda España, onde iniciamos e apostamos polo uso da madeira como elemento estrutural.

Recentemente o propio presidente da Xunta falaba no debate de autonomía que ía ir a uns mínimos para que os edificios públicos se constrúan en madeira nun futuro inmediato, pero futuro; no concello de Lugo xa e unha realidade. Xa temos dous edificios construídos con madeira, temos o Impulso Verde pero tamén un centro social dentro desa estratexia, neste caso financiado con fondos Muramiñae. Non estabamos obrigados a empregar a madeira, pero por convicción e por deseño de cidade xa temos ese segundo edificio. E temos en proxección un terceiro, que sería un pavillón multidisciplinar realizado con elementos sostibles, con moito predominio da madeira.

Estamos vendo a países como Francia falar que, nese horizonte da Axenda 2030, nun futuro a medio prazo, o 50% das edificacións públicas sexan construídas en madeira. En Lugo é unha realidade, converteunos en referente e están demandando a nosa participación en distintos foros a nivel autonómico, nacional e internacional.

 

«O Impulso Verde é o xerme do que será o primeiro barrio multiecolóxico de toda España».

 

Lara Méndez
Lara Méndez, acaldesa de Lugo

Foto Monica Montero

Cales son as claves do proxecto Muramiñae?

Hoxe Europa funciona con estratexias, non tanto como obxectivos finais a acadar, senón con estratexias de cidade. Nós dende o ano 2015 levamos planificando esa estratexia de cidade, optando a fondos dos cales fomos beneficiarios por ter claro o punto de chegada. É dicir, saímos do punto de partida e sabemos onde queremos chegar. Eso fíxonos acadar moitos fondos europeos.

Muramiñae busca a conectividade co río nunha cidade que viviu sempre de costas ao río, aínda que sabemos da importancia da dinamización destes elementos naturais. Á diferenza de outras cidades, o río non transcorre polo medio de Lugo; pero eso non pode ser un handicap para desaproveitar eses recursos naturais. Tiñamos que achegar o río á cidade, buscar esa conectividade e facémolo a través de distintas actuacións.

Temos feita a pasarela na N-VI, o paso soterrado, a mellora do Camiño Primitivo, da vía romana XIX... Poñendo en valor todo ese patrimonio rico que temos, fomentando ese recurso natural da contorna fluvial onde facemos eventos. Dende o Caudal Fest, xa iniciado no ano 2018, ata mercadiños ou rutas ciclables; para que a xente teña unha interacción máis constante, máis continua. Que non o vexa só como un día esporádico que me apetece baixar á contorna fluvial e gozar dela, senón que forme parte activa dese obxectivo. Outra obra pode ser a peonalización da Calzada da Ponte.

Son moitas as actuacións, dentro da estratexia Muramiñae ou fóra, como a posta en marcha desa zona pública de baño, que desgraciadamente ano tras ano están rexeitando, pese a que inicialmente nos deran os permisos. Seguiremos con ese empeño e lograremos, seguro máis pronto que tarde, que a zona de baño pública poda existir tamén na cidade de Lugo.

 

O San Froilán é a festa por excelencia da cidade, pero nos últimos anos, o Arde Lucus e o Caudal Fest gañan adeptos, que balance fai destas celebracións na súa vila?

Moi bos e positivos. É certo que o San Froilán é unha das festas galegas por antonomasia, xa o dicía Álvaro Cunqueiro. Son as nosas festas patronais e polo tanto é xa unha cita obrigada, moi consolidada, onde temos postos distintivos de festa de interese turístico galego e nacional; e pelexaremos por conseguir o de festa de interese turístico internacional, xa acadado polo Arde Lucus.

É un fito. Que en só 21 anos de historia unha festa teña conseguido isto é moi meritorio, grazas á implicación social de toda unha cidade e, de maneira particular, as 19 asociacións que conforman o Arde Lucus. Fan desta festa un referente xa internacional.

O balance non pode ser outro que tremendamente positivo. Ademais é unha proxección turística importante, máis aló deses días festivos que acolle o Arde Lucus. Tamén unha proxección internacional onde a xente non só ven desfrutar desa recreación, senón que quere coñecer en profundidade ese pasado romano tan rico que temos.

E no caso do Caudal Fest, en tan só cinco anos, somos referente internacional porque así o din as cifras. Cando vemos a orixe dos caudals, das persoas que veñen ao festival, veñen de distintos puntos de Galicia, España e internacionais, polo tanto é unha cita xa fixa no calendario.

De feito, recentemente dabamos a coñecer parte do cartel do que será o Caudal do ano 2024 e saía en paralelo que xa se están facendo reservas na hostalería da nosa cidade e os prezos reflicten a gran demanda que hai. A pesar de só ter cinco edicións, pandemia polo medio, é unha cita xa consolidada. Só deixamos de facelo un ano. O ano seguinte, como non pode ser doutro xeito, adaptámonos ás normas que se marcaban, controlando o recinto, vendo o espectáculo dende as cadeiras, e aínda así houbo moita participación.