Venres. 19.04.2024

O delegado territorial da Xunta de Galicia na Coruña, Gonzalo Trenor, visitou o  luns , o local social da asociación de veciños de Morlán, no concello de Trazo, para comprobar as melloras e obras de acondicionamento realizadas no mesmo e que contaron cunha achega do Goberno galego de máis de 17.000 euros.

Trenor lembrou, durante a visita ao local, que a orde de acción comunitaria incrementou este ano o seu orzamento nun 20% fronte ao 2021, ata acadar os 3 millóns de euros, o que, engadiu, encádrase na aposta da Xunta polo asociacionismo veciñal e a xestión conxunta de bens e servizos por parte da poboación galega.

As obras de mellora do local de Morlán permitiron darlle outra faciana á edificación coa construción dun almacén, dunha beirarrúa perimetral, elimináronse as barreiras arquitectónicas para facelo accesible instalando unha rampa; ademais dun termo eléctrico e unha estufa de pellets.

O obxectivo deste proxecto, que xa se levou a cabo en sete entidades veciñais -oito con esta de Trazo- da comarca de Santiago, non é outro que os residentes nos concellos poidan desfrutar dun lugar de encontro e reunións asociativas, en boas condicións e accesibilidade, no que ademais se poidan desenvolver todo tipo de actividades sociais, culturais e de lecer.

As achegas da Xunta para investimentos destinados ao acondicionamento, reforma, mellora, ampliación ou compra de equipamentos básicos nos oito locais sociais dos concellos de Compostela, Padrón, Rois, Teo, Vedra e trazo, ascenderon a 121.000 euros, mobilizando en total preto de 130.000 euros.