Venres. 29.03.2024

Un pleno extraordinario no Concello de Oroso elixiu a Luis Rey Villaverde como novo alcalde de Oroso, substituíndo no posto a Manuel Mirás Franqueira.

Nunha intervención posterior á investidura, Luis Rey fixo un chamamento ao conxunto da corporación para “traballar desde a unidade, sempre sumando e nunca restando, ofrezo a miña colaboración a todos os grupos porque o único importante é o Concello de Oroso e os seus veciños, moito máis nestes tempos de pandemia e as súas consecuencias”.

Ao rematar o pleno e a preguntas dos medios de comunicación, Luis Rey falou dalgúns proxectos para Oroso a curto prazo, “como a climatización da piscina ou o carril bici que unirá o centro coa futura Vía Verde”.

Fixo tamén mención ao potencial empresarial e industrial de Oroso, “con dous polígonos con empresas punteiras que dan traballo a centos de familias e un terceiro polígono, o de San Martiño, que será unha realidade en canto a situación mellore”.

Na sesión extraordinaria tomou tamén posesión o novo concelleiro, José Calvo Rey, que substitúe na corporación a Manuel Mirás.

Na sesión tamén se aprobaron as novas dedicacións excluisvas do concello.