Venres. 26.04.2024
A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, realizou unha visita institucional ao porto onde se reuniu co presidente da Autoridade Portuaria de Ferrol, Francisco Barea. O encontro enmárcase dentro da rolda de contactos institucionais que Aneiros está realizando desde a súa chegada á delegación do goberno autonómico en Ferrol. Aneiros e Barea aproveitaron a visita para manter un encontro de traballo no que repasaron algúns asuntos importantes para a cidade. A representante da Xunta puxo en coñecemento do presidente do porto a situación actual do proxecto do albergue que o Executivo autonómico proxecta habilitar na antiga Hospedería da Casa do Mar, un dos compromisos da Xunta incluídos no Pacto de Estado por Ferrol. A delegada territorial avanzou que “as obras poderán comezar en canto o Concello de Ferrol conceda a licenza, a Xunta solicitouna a principios deste ano”. Este proxecto de reforma afectará ao último andar do edificio e suporá un investimento da Xunta preto de 500.000 euros. A delegada espera que o Concello de Ferrol non se demore moito na tramitación desta licenza para que o novo albergue, situado nun dos puntos de saída de Camiño Inglés, poida estar terminado este ano. “O albergue permitirá mellorar a acollida dos peregrinos na nosa cidade”, sinalou a delegada. Durante o encontro, o presidente da Autoridade Portuaria tamén lle trasladou a Aneiros o estado das obras do tren ao porto exterior.